17. Os retallos finais
PARA ESTA campaña collín un caderniño a e fun apuntando ideas: teño que escribir disto, daquilo ou do de máis aló. Tiña, por exemplo, un apuntamento que non usei sobre a papelería e a correspondencia electoral: dende a propaganda a toda cor dos grandes partidos ata o folleto anónimo en dous tons do que escribín hai uns días, pasando polo xornal de rúa de UPyD e o parabriseo de Esquerda Unida; perdón polo palabro, é que non sei como chamar a operación de deixar publicidade nos parabrisas dos coches. A papelería, igual que a cartelería, foi a demostración de que estamos en tempos de crise e que non hai cartos para alegrías.
Tamén teño algo apuntado sobre Núñez Feijoo e o idioma: o que contei hai uns días do mitin de Ferrol en castelán non foi un caso illado: repetiuno, que eu saiba, na Coruña e Vigo. Supoño que sería unha mostra de cortesía cara os convidados, porque nos tres mitins había, se non recordo mal, xente de Génova, a sede nacional do PP. E quedoume tamén no tinteiro (no caderno neste caso) unha proposta de facer unha comparación entre as primeiras páxinas elixidas polos candidatos de Lugo e as que finalmente publicamos neste xornal. A comparanza deixareina, se me dá tempo, para o blog, aínda que unha primeira impresión é que os intereses xornalísticos non coinciden cos políticos, unha cousa que foi máis que evidente nos temas que elixiu Fernando Blanco para a súa primeira (aclaro para os leigos: os xornais temos primeiras; as revistas e os libros, portadas).
Tamén tiña algo apuntado sobre a preocupación con que a dirección do PSOE en Madrid seguiu a campaña de Pérez Touriño, un rumor que me chegou uns minutos despois da pegada de carteis, pero disto xa se ten ocupado estes días, onte mesmo, o meu compañeiro de páxina de hoxe.
Mesmo tiña feito un bosquexo para un artigo sobre a previsible influencia da crise nos resultados. Saber se a recesión lle vai pasar factura aos que gobernan ou non é unha das grandes incógnitas deste 1 de marzo que se anuncia chuvioso. Disque algún xefazo do PSOE estalle a reprochar a Pérez Touriño que non atendera a proposta de Xosé Blanco de adiantalas a outubro, cando a situación era menos crítica.
A crise si que se notou, xa digo, na campaña. Nos partidos vimos un intento de trasladar a actividade á internet, que parece unha cousa barata polo de agora, pero foi máis un querer estético que un poder con contido. Ademais, está por ver a utilidade das cibercampañas cando Galicia está á cola en tódalas estatísticas de penetración da Rede. Universalizar internet é unha proposta habitual nas campañas; nesta non houbo promesas rechamantes. A crise mesmo chegou ata as ideas.
Tres momentos
Madrid. Foi impresionante o desfile de xerifaltes de Madrid que vimos por aquí; do PSOE e do PP.
Cocido. Estando polo medio o Entroido, non podían faltar os cocidos. Ricardo Varela (PSOE) queixouse da súa monodieta; Xosé Manuel Barreiro (PP) deixou abraiados aos que acompañaban a Rajoy no Cebreiro cortando a cachucha: iso si que é arte!
Inauguracións. A apertura de viais en Paradai case pon en cuestión o compromiso de non facer inauguracións en campaña.
Tags: Mariano Rajoy, Núñez Feijoo, Pérez Touriño, Xosé Blanco, Xosé Manuel Barreiro