Cultura cambiante
Moito cambiou o consello de cultura da Deputación de Lugo… O que pasa é que nos custou comprobar canto, porque por ningún sitio aparecía a composición deste ente antes da actualización que lle veñen de facer Xosé Antón Bao e a área de Cultura.
Nun número da revista Lucus de hai uns anos aparecía a súa constitución no ano 2001; despois, o silencio. Faleceron algúns, como Pedro de la Portilla, abade de Samos; o poeta Manuel María, o editor Enrique Alvarellos e Epifanio Ramos de Castro. Continúan Juan Soto Gutiérrez, por suposto (cronista oficial da provincia), Xosé Manuel González Reboredo e Antonio Rodríguez Reboredo, e entra xente moi nova, como Manuel Darriba, Mónica Santos, Arturo Vaquero ou Xaneco Tubío. E a idade fixo que algún non quixera continuar, como Francisco Mayán Fernández, ou incorporarse, como Xaime Delgado. E si, hai unha lixeira tendencia vermella, que fixo rechiar algunhas estruturas na Deputación. Pero creo que todos comezaron con moitas gañas e facendo xa moitísimas propostas.
Por certo, daquel consello de cultura do 2001 foi membro, aínda que como vogal político, alguén que agora está de delegado provincial e que daquela dáballe á gaita, como demostra unha foto que xa publiquei neste blog.
E, por certo, a foto que lles poño é das primeiras nas que se pode ver a Xosé Antón Bao con gafas. Sospeito que serán para ler.