O despacho de Bao
Despacho de Xosé Antón Bao. Había ben tempo que non entraba alí e a imaxe cambiou moito. Onde antes había unha morea de papeis, acumulados polo anterior interventor, agora só queda unha estantería con varios libros, a maioría procedentes do Servizo de Publicacións da Deputación, e entre eles distingo un anuario de El Progreso. Os mobles antigos de antes desapareceron e agora hai outros máis funcionais. Gústame moito o sofá, aínda que non a súa cor (o branco debería de estar prohibido en determinados tipos de mobles, excepto se un ten chacha ou, como é o caso, un servizo público de limpeza). Os antigos mobles, polo visto, tiñan menos valor do que aparentaban. Non sei que foi deles. E nas paredes, os cadros clásicos de sempre foron cambiados por outros de Murado e Roberto González, ademais de algo que non sei se é un cadro ou unha escultura, obra de Mónica López. A pintura de Roberto (inconfundible: aparece el) ten un touro de Osborne no que se ven unhas manchiñas brancas. Un reflexo? Non, que o papel de globos pegouse e deixou marca. Unha demostración máis de que no Museo Provincial, de onde creo que proceden todos os cadros, non teñen máis sitio para meter as cousas.
Pero o máis diferente é a cor das paredes. É un deses amarelos melocotón tan de moda dende hai anos. Aínda así, cóntanme que houbo problemas para pintar con esa cor: “Dicían que un edificio coma este tiña que ter as paredes brancas, e eu preguntei por que, e ninguén mo soubo dicir”, conta Bao entre risas.
Tags: Xosé Antón Bao
16 de Xullo , 2008 - 10:47 am
Vaqueiro vas ter que fichar por HOLA xa que se che da moi ben facer as crónicas rosa.
Vexo que despois de un ano, o importante é cambiar a cor da pintura das paredes, os mobeis e mais os cadros. Estes son os únicos problemas que ten a provincia de Lugo.
Xa o decía o refrán: cambiarás de muiñeiro pero non cambiarás de lambón…