A asesoría de Deportes
Pouco a pouco, vai tomando forma a fontanería do grupo do BNG na Deputación de Lugo; ou sexa, iso que tecnicamente se chama asesorías. Foron máis rápidos os do PSOE, pero, como son tantos deputados, aínda non teño a lista completa socialista. Que conste que nin os nomeamentos duns nin os dos outros saíron aínda no Boletín Oficial da Provincia. Pero todo se andará.
Hoxe chegou a San Marcos Vítor Otero Vázquez, que vai ser o xefe de gabinete do vicepresidente primeiro, Xosé Antón Bao. Xa saben o que se di: o subordinado do xefe é o xefe dos subordinados. Un dato curioso: é home que ten antecedentes na Deputación.
En Cultura, xa leva tempo traballando unha das Abraira, Raquel, a quen dende hai tempo estamos a ver co pelo vermello. Ligada a Galiza Nova, é membro activo da AS-PG. Por certo, se hai algún cambio máis na representación luguesa do BNG no Parlamento galego, ela é unha das substitutas, despois de Xosé Chorén (unha aperta nestes momentos de dor).
As fichaxes de máis sona caen na órbita de María Xosé Vega Buján, pois trae a dúas persoas de fóra. Unha procede da Vicepresidencia da Xunta e vaise ocupar da área de servizos sociais. Chámase Susana e non sei se se apelida Quintas Gutiérrez ou Maceiras Pérez. A outra fichaxe é a dun membro do BNG de Ferrol, chamado Xaquín (tampouco coñezo o apelido), que se vai ocupar da área de turismo.
Pero a incorporación máis potente pode ser a do técnico de Deportes, o que vai asesorar a Antonio Veiga. Un home que ten moitas opcións é, disque, Vicente Castro Reigosa, concelleiro de Deportes de Ribadeo, aínda que hoxe un bo amigo contoume que un nome que empeza a gañar puntos é o de Eduardo Fernández Abel, actualmente xefe provincial de Deportes, da Consellería de Cultura. Esta si que sería unha fichaxe de sona.
Tags: asesores, deporte, María Xosé Vega Buján
3 de Outubro , 2007 - 0:00 am
E que se vai notando a presenza do bng na Deputación, incluso nas cores. Xa era hora de que os grises desen paso á luz e á claridade, e que mellor que o vermello, mesmo no pelo.
Logralo non vai ser fácil. E xa se sabe que o do cromoterapia aplicado ás persoas, depende sobre todo de quen porte a cor e máis se a leva na cabeza. Símbolo da alegría, a paixón, a sensibilidade, pero tamén da enerxía, e da determinación, no caso das Abraira, ben pode aplicarse.
Bastante bo equipo están formando os nacionalistas. Tamén é certo que o van necesitar para a loita diaria cun PSOE que vai pretender seguir facendo o mesmo que facían os de antes, creo eu.
A diferenza, desde logo, vana marcar os bloqueiros.