Sabios
CANDO BAIXAMOS a Cuevas de San Marcos, hai agora un ano, pasamos pola nova Seseña, esa cidade pegada á autovía e feita con escuadro e cartabón, como as vilas do franquista Plan Badaxoz. Daquela non recordo ter visto ningún cemiterio de pneumáticos. Vino claramente estes días, nas noticias, mentres ardía. Foi queimarse e prenderse ese fogo cruzado tan español que consiste en culpar aos demais porque todo o mundo sabía que o vertedoiro era ilegal pero (case) ninguén fixo nada por eliminalo. Tampouco falta a queixa de sempre sobre a lentitude da administración, en especial a de Xustiza. Algún presidente do Poder Xudicial criticou hai anos que o noso sistema xurídico fose excesivamente garantista. Esa teima por velar para que ningún inocente vaia á cadea fai que os procesos xudiciais sexan tan lentos, aínda que é verdade que en España ás veces pasámonos de coidadosos e mesmo pachorrentos. No teatro gustamos de ver ‘12 homes sen piedade’, a historia dun xurado que comeza cunha condena a morte e que remata por declarar inocente ao reo, despois dunha intensa deliberación. Gustamos diso, e cremos que un xurado pode darlle a volta a un veredicto, pero tamén queremos xustizas inmediatas: se o vertedoiro é ilegal, hai que eliminalo no minuto seguinte, e non miramos se hai cartos ou medios para facelo. Queremos que pague o promotor, pero se este desaparece, non queremos que o faga o Concello. Todo á vez. O importante é sentenciar e non mirar máis aló: xa pensarán outros. Que marabilloso país este, no que en cada habitante hai un adestrador de fútbol, un médico e un xuíz!
(Na imaxe, unha roda tirada nun camiño de Penarrubia, en Lugo)
Tags: De re varia, texto íntegro, Xustiza