A paxariña


ESTA FIN de semana vivín un momento de cabreo, ese que se produce cando as cousas non saen aínda que ti estás farto de facelas. Envolvín un regalo e quixen darlle unha nota de cor pegándolle unha paxariña de papel. Púxenme a facela… e non saía. Había tanto tempo, que xa perdera a práctica: eu, que en tempos amolaba á miña nai poñéndolle nos mobles familias numerosas de paxariñas de diferente tamaño, cor e constitución (papel). Despois de varios intentos frustrados e frustrantes, fixen o que se fai agora: mirar en internet. Apareceron milleiros de debuxos e vídeos… pero non era o mesmo. Aquelas non eran as miñas paxariñas de papel de toda a vida, as que facía Unamuno, as que argallaba Isabel, aquela compañeira de facultade (aos seus apuntamentos débolle a metade da miña licenciatura) que me introduciu no que aquí chamamos papiroflexia e os xaponeses (e os fatos de internet), origami. Cambiáranme as instrucións. Os meus dedos non recordaban como era, pero si que non recoñecían tantos pregues, nin esas arestas e sobrábanlle dobreces… Hai vídeos nos que a operación leva catro minutos, cando a min nunca me levou nin a metade. Decidín deixar que as cousas fluíran soas, como fas cando te atascas cunha palabra. E este luns, despois de ver unha imaxe incomprensible en Google, os meus dedos deron construído unha. Cando tirei das súas patiñas, recoñecina: era a vella paxariña de papel de sempre. Mentres escribía este artigo fixen unha, polo capricho de recordar un vello pracer. Sigo, iso si, sen acabar de entender a que vén actualizar as instrucións de algo tan sinxelo e popular (unha vez regalei uns pendentes con forma de paxariña, feitos en papel de Sugus). É como esas actualizacións de contos clásicos que tanto se levan no cine e que converten a Carrapuchiña, por exemplo, nun émulo da Trinity de Matrix. Ou esas postas ao día de algúns xogos que os fan irrecoñecibles (o Risk). Será que algúns non entenden a beleza do simple, a dun cacho de papel reconvertido en figura, por exemplo.

Tags: , ,

Comenta

*