Ruído usual


NO VERÁN, ou nalgunha ponte larga, desas nas que ti estás a traballar neste oficio a contracorrente, hai momentos en que te sentes o derradeiro ser da Terra. Saes á rúa e (case) non hai ninguén, e cando, pola noite, volves de tirar o lixo, descobres que a única luz acesa no edificio no que vives é a da túa cociña. Sobes no ascensor e á mañá seguinte, cando baixas para comprar pan, descobres que o elevador está no teu piso, como se non se movera, como se ninguén o usara nas últimas doce horas. No garaxe, os únicos coches son o teu e o dos veciños que teñen outro (que non está). Os tacóns do piso de arriba, eses que resoan puntuais ás dúas de cada tarde, hai días que non se oen, como tampouco oes a devastadora aspiradora do tipo do cuarto. Neses momentos, xa digo, poderías pensar que es o único ser vivo na terra. Nas series de televisión ou nas películas apocalípticas xogan moito con iso: por exemplo, o protagonista esperta nun hospital e non hai ninguén na contorna. O certo é que abonda con aguzar o oído para saber que non estás só na rúa, porque as nosas cidades sempre, por moi vacacional que sexa o día, teñen un rumor de fondo (culpa do tráfico) que demostra que nalgunha outra parte hai vida. Pode que non teñas trato cos veciños ou que non vexas fisicamente a ningún en semanas, pero ao final os berros dos seus pequenos, os seus portazos, o seu ruído… son parte tamén do teu día a día.

Tags: ,

Un comentario a “Ruído usual”

  1. Manuel

    A veces soidade tamén produce sonidos, sonidos que retumban nos nosos hemisferios e que non conseguimos apagar.
    De todos modos, somos nos os que poñemos o altofalante ao que queremos escoitar.
    PD: bonita foto ;)

Comenta

*