Electuras – Recheos
O normal é que as candidaturas leven nos postos de saída os nomes relevantes, os de xente que vai traballar se sae elixida, e para o final quedan os que van de apoio e que se verán nun apuro se teñen que entrar na corporación: en Santiago, por exemplo, no pasado mandato houbo un que tivo que deixar unha consellería para ser alcalde. Pero é complicado facer as listas, e máis en sitios pequenos, e ás veces os partidos enchen co que poden, mesmo con xente que non é da localidade en cuestión e, obviamente, non pode votar por si mesma.
E así se dan casos como o ocorrido este 24-M en Beariz, na provincia de Ourense, onde o PSOE sumou nada menos que seis votos… cando se escollían nove concelleiros. É dicir, como mínimo tres dos membros da candidatura socialista non votaron (ou non puideron facelo) por ela. Algo semellante case ocorre en Vilar de Santos, único concello galego gobernado por Compromiso por Galicia. Alí, o PSOE concorreu cunha lista de sete persoas (sen suplentes, como en Beariz) e sumou ¡oito votos! Polos pelos!
Ás veces é conveniente que alguén da candidatura sexa do concello en cuestión. Por Lugo aínda recordamos cando, en 2007, o PP presentou unha lista en Negueira de Muñiz na que nin o cabeza de lista residía nese concello. Tal recheo foi ‘premiado’ polos veciños do concello menos poboado de Galicia con cero votos.
Tags: Beariz, Compromiso por Galicia, municipais 2015, Negueira de Muñiz, Vilar de Santos