Electuras – Diferente, pero igual
Ás veces, fanse cambios coa idea de mellorar, pero vólvense contra un. Pasou con algunha candidatura que ía de gañadora e acabou perdendo. Pero hai outras ocasións en que se fan cambios e todo segue igual. O PP tivo que cambiar dous cabezas de lista en Lugo, un polo falecemento do anterior (Francisco Acal, alcalde de Baleira); o outro, pola renuncia a repetir de Antonio Muiña Pena, rexedor de Friol dende hai mil anos. Ben, pois os resultados non se viron afectados, e iso que a substitución de Muiña foi cousa de última hora. En Baleira, Ángel Martínez-Puga López mantivo os seis edís, perdendo só un punto, e en Friol, José Ángel Santos Sánchez mesmo mellorou o resultado, cun concelleiro máis (o PP pasa de sete a oito). Neste concello veciño de Lugo, por non cambiar, non cambiou a participación, que foi unha das máis elevadas, un 85,7 por cento. Ou sexa, todo corrixido e aumentado.
Tags: Baleira, Friol, municipais 2015