O coche (2)

O coche sobre o que escribín este martes no xornal (mércores no blog) ten máis historia. Porque o vehículo daba para reflexionar tamén sobre a soidade en que quedan as cousas que usamos cando as deixamos por un tempo: por exemplo, o coche nun aparcadoiro, o paraugas na casa dun amigo, as plantas no baño durante as vacacións… Non é unha idea orixinal, recoñézoo: un tal Hans Christian Andersen ensinounos hai 176 anos que hai obxectos inanimados que cobran vida cando os humanos non miramos.

E, escribindo sobre o que pode haber nun maleteiro, non podo esquecer outra referencia, desta volta televisiva: hai un episodio da mítica Alfred Hitchcock presenta no que un home mata a súa muller a agocha o cadáver dentro do maleteiro. E a policía párao varias veces… porque ten fundidos os focos traseiros.

Por suposto, os coches abandonados poden presentar dentro moitos cadáveres, non humanos nin animais (eses olen e alertan aos transeúntes), senón de vidas: libros, roupa, cousas esquecidas… Durante un tempo, hai case quince anos, diante da miña casa comezaron a amorearse coches destes, moitos deles xa sen matrícula. Pola zona hai moitos talleres mecánicos e din as malas linguas que hai quen os usa para obter recambios. Non sei se era o caso. O que si sei é que o día en que chegaron dunha empresa para facer as beirarrúas e arranxar toda a calzada, os seis coches abandonados desapareceron nuns minutos, arrancados por un dos talleres. Non puideran con eles un trío de aprendices de delincuentes, aos que vin unha noite dende a ventá intentando arrancalos todos: ningún tiña batería e acabáronse indo decepcionados e sen poder mover ni un.

O normal é que un coche destes remate desvalixado. Xusto despois de escribir o artigo do martes, descubrín que tamén lle tocara ao de San Lázaro. Non quedou nin a roupa, nin o libro para escoller nomes nin o colgante indio (dos de América) que pendía do retrovisor. A ver se cando comece a Liga queda algo del.

Tags: ,

Comenta

*