A imaxe
XANTANDO nun restaurante de Santiago, vexo que senta na mesa veciña un famoso humorista galego, deses que non entenderías fóra dese idioma. Pero pasados uns minutos descobres que está a falar en castelán, aínda que o hostaleiro faino en galego, e cáeseche a alma aos pés. Realmente, dáme igual o idioma en que fale a xente, pero non sei, velo falar no outro idioma do país, cando el é coñecido pola súa retranca galega, é como se se caera un mito. É un debate curioso este, e tamén un pouco duro para os protagonistas: teñen os personaxes públicos a obriga de axustarse á súa imaxe mesmo cando non están exercendo como tales? Podería pensarse que si, porque do contrario a xente normal coidaría que son xente falsa e de aí pasas a non crelos, cando a credibilidade é precisamente unha das bases da súa popularidade: ti segues a un actor porque as súas creacións che parecen cribles, aínda que sabes que son irreais. O mesmo pasaba en tempos cos políticos, dos que agardabamos que o que dixeran se correspondera co que facían, pero agora, millóns de euros despois, xa non nos cremos nada. Outra cousa é a radio, onde ti imaxinas como será esa voz que te seduce e despois descobres que non se axusta ao que te figurabas: Luis del Olmo e Iñaki Gabilondo foron grandes decepcións ou sorpresas para moitos. Eu ando namorado de América Valenzuela (na foto, tomada da súa conta de Twitter) aínda que agora, cando mesmo se televisa a radio e podes sabelo todo do teu ídolo cun clic, é difícil soñar as voces da radio.
Tags: De re varia, radio, televisión, texto íntegro