Os lombos
AS NOVAS tendencias en decoración e os e-books van acabar cunha das miñas paixóns, un pequeno vicio/xogo que roza, admítoo, a mala educación ou o chismorreo. E é que vexo unha libraría e non resisto a tentación de mirar os lombos dos libros por ver o que me din do seu propietario. Moitas veces os libros contan moitísimo máis dunha persoa que as súas propias palabras: falan da súa profesión, das súas afeccións e mesmo do grao de orde mental que ten na súa vida. A miña paixón esténdese ata as librarías que vexo en papel: é curioso observar como a maioría dos escritores gustan de ser fotografados diante das súas ordenadas e nutridas bibliotecas. Tamén é curioso ver nas revistas de decoración os libros tan ben colocadiños que hai sobre os mobles auxiliares, obras desas con moita foto, pouco texto e encadernación luxosa (habitualmente, con sobrecuberta): coñecín a alguén que dicía que eses eran os únicos libros que pagaban a pena. Os meus escrutinios téñenme deparado grandes sorpresas, como atopar un libro de Sarria no piso dunha moza madrileña que tiven. Hai uns días descubrín, vía foto, que na casa de Boris Izaguirre gustan de Hitchcock. E tamén comprobei, vía La 2, que José Luis Cuerda, o pai de ‘Amanece que no es poco’, é, como toda a aldea da mítica película, “moi de Faulkner”, pois tenlle todo un estante na casa. Como dirían alí, nós seremos continxentes, pero os libros son necesarios.
Na imaxe, José Sazatornil, quizais contando que “aquí somos moi de Faulkner”.
Tags: cine, De re varia, libros