Volverás
MORREU Sergio, conto no Whatsapp familiar. Que Serxio, me preguntan. O de Estíbaliz, aclaro. Algúns chanceamos con titular así, ‘Morreu Sergio, o de Estíbaliz’, como se fose a morte dalgún da nosa aldea, pero non parecía respectuoso. Na memoria musical española van permanecer como se fosen siameses inseparables, como o Dúo Dinámico ou, fóra de aquí, Simon and Garfunkel. Eran pastelosos como poucos, demasiada dozura, aínda que as súas letras contaban historias tremendas, de persoas que se perdían no camiño: ‘Piel’ (a miña favorita), ‘La llamada’, mesmo ‘Cantinero de Cuba’ ou ‘Volverás’, a que levaron a Eurovisión.
Daquela (nove meses antes da morte de Franco), os rapaces aprendíamos as letras e poñiámonos diante da tele única (a segunda canle víase en poucos sitios) para animar as nosas cores. Dous anos antes, uns familiares seus, Mocedades, quedaran segundos, cunha das mellores cancións que levou nunca España a ese festival. Despois chegaron os anos grises, a cousa resucitou con Rosa e OT, empezaron os experimentos delirantes (alguén recorda a Ramón cantando “hoy me quedé vacío para llenarme de ti”?) e agora os únicos que seguen o festival con aquela paixón nosa dos 60-80 son os da Europa do Leste e nos xornais xa nin deixamos apenas sitio para a noticia. Blanco e Uranga quedaran décimos cando aínda non sabiamos que España non ía volver gañar. Eurovisión é un dos éxitos patrioteiros dos 60 que non se repetiu; outro, o da Eurocopa, tardou 44 anos en volverse dar.
Tags: De re varia, música, obituario, texto íntegro