Adelaida


A HISTORIA ou a vida teñen inesperadas querenzas circulares ou, mellor dito, cíclicas. Pénsoo recordando que cando cheguei a Lugo o primeiro libro que comprei foi ‘La lógica del vampiro’, de Adelaida García Morales. Acababan de presentalo na Feira do Libro de Madrid, pero a Lugo aínda tardou dúas ou tres semanas en chegar: xa ven o que cambiaron as cousas en 24 anos. E, por ese sentido cíclico das cousas, agora volven coincidirme os dous elementos: unha mudanza grande e García Morales, porque a escritora faleceu o pasado día 22. Eu chegara a ela a partir do cine, porque é a autora do relato largo no que se baseou Víctor Erice (a súa parella daquela) para esa obra mestra do cine que é ‘El sur’. Lin o libro (‘El sur seguido de Bene’) para saber como acababa a historia de Estrella Arenas (Icíar Bollaín). Agora, o meu amigo Franc di, diante dunha foto da miña casa, que ten “luz de domingo”. Aclárame que non o di pola película do insufrible Garci, senón pola novela de Pérez de Ayala na que se basea o director asturiano. Creo que a Pérez de Ayala aínda o estudan nalgún sito, pero en liñas xerais está tan esquecido como García Morales, que nos 90 era medianamente popular e premiada e no 2014 morreu sen pena nin gloria. Pero non hai de que preocuparse: dentro de cen anos igual alguén recupera as súas figuras e volven a ter sona. E é que, xa digo, a historia, a vida, a cultura son moi cíclicas.

Tags: , , ,

Comenta

*