Recordos
A obsesión por non pasar inadvertidos no noso tránsito (curto, non o esquezamos) pola terra é a que nos leva a acumular cousas dos sitios que visitamos, nomeadamente daqueles aos que imos por pracer / turismo: facémolo, penso eu, para que tempo despois teñamos algo que poida demostrar que estivemos no lugar X algunha vez. E a industria aprovéitase: velo nesas tendas que saturan as zonas turísticas e que abren diante do visitante un amplo mostrario de imáns, dedais, tazas, chaveiros, camisetas, pins, caretas, bonequiños e caralladas varias. E un día vas e mercas un gatiño de obsidiana, porque te abraia esa cor entre negra e verdosa que colle ese mineral. E outro día compras unha camiseta de Petra cun estampado animal para substituír a que ía na maleta extraviada. E a partir desas compras case sen querer, empezas (tamén sen pensalo) unha colección inesperada á que despois ides contribuíndo ti e os teus amigos ou familiares viaxeiros, en correspondencia co que ti tamén fas con eles. Despois quéixaste de que os gatiños non paran de acumular po no moble que fixeches específico para eles ou láiaste de que as camisetas ‘typical Tanzania’ sexan ‘made in Vietnam’. Ás veces, estas coleccións teñen que pasar a dura proba das mudanzas, e é daquela cando pensas se non é todo un pouco inútil. Pero… como vas tirar esa desmesurada colección de cinceiros aínda que hai vinte anos que non fumas? E que mellor forma hai de demostrarlle aprecio aos teus familiares e amigos que traerlles ese detalliño de Nonseionde… comprado a última hora no aeroporto?
Tags: De re varia, texto íntegro, viaxes