Todo Praga?
ESTE verán, estando en Praga, entendín a Sthendal. O escritor dá nome a unha síndrome que consiste na admiración, ou pasmo mesmo físico, que che causa a beleza dun sitio (no seu caso, se non me equivoco, Florencia). En Praga ergues a vista e non paras de ver edificios a cal máis belo: de feito, mesmo os corredores do noso hotel estaban decorados con fotos de detalles de fachadas da cidade, daqueles tempos en que as casas non se identificaban por un número senón por un gravado. Pero, ao mesmo tempo que esa síndrome de Stendhal (ou que o semellaba), xurdiume unha dúbida, a mesma que me asalta no Obradoiro: porque miras ao redor e só ves tendas, bares e locais pensados para turistas. E pregúntaste: onde está a xente normal? Onde e como viven? E logo deixas o centro de Praga, camiño do aeroporto, e vas vendo rañaceos, barrios anódinos, xente de roupas gastadas, persoas que veñen do súper … Tamén na miña adorada Lisboa ocorre algo semellante, e en Lugo din que está empezando a pasar. Pero tan Praga é a turística ponte Carlos como o periférico Distrito 21; tan Lugo é a lustrosa Raíña como unha semiurbana rúa de Casás. Así que realmente mentes cando dis que coñeces Praga, Budapest ou Porto; en realidade, coñeces unha ínfima parte desa cidade. Pensas que fas turismo pero, no fondo, é como se estiveras lendo só o prólogo ou o primeiro capítulo de, por volver ao principio, ‘La cartuja de Parma’.
(Na imaxe, detalle da fachada da ‘Casa dos dous soles’ de Praga, na rúa dedicada a (Jan) Neruda)
Tags: De re varia, viaxes