Estampas
VIAXAR, o acto concreto de trasladarse, é ver, que case nunca é o mesmo que mirar. As máis das veces, tampouco ves o mesmo: depende do medio de transporte que utilices. Dende o chan, usando ese medio de locomoción que nace contigo (os pés), ves cousas que non aprecias dende o bus ou dende o barco que está atracando para que visites unha cidade descoñecida. Eu medrei viaxando en tren, de aí que sexa o meu medio favorito, aínda que agora xa non o use. É difícil esquecer o día en que descobres, admirado, que as cousas van pasando cara atrás a través dos portelos. É así como nace en ti esa paixón por coñecer que, cos anos (e se hai cartos), te leva a ser turista: como será esa casa que ves dende a ventá, que será esa construción antiga que hai naquela aldea, como se chega a ese sitio que está no curuto daquela pena. Se estás sendo levado, e mesmo tamén cando conduces e non podes parar, faste un pósit mental para apuntar que tes que volver para ver aquilo de preto e con tempo. O problema é cando intentas facelo e non das atopado o sitio: porque a casa xa non é tan espectacular, o suposto castelo é un monumento ao feísmo ou o sitio illado ten unha autovía ata a porta. Así que ás veces é mellor quedar coa estampa vista e non a vivida… ou fotografala, que é o que se leva. Penso que ese coche que vai só que está probando Google vai ser para iso: para poder viaxar e obter a estampa sen estamparse.
Arriba, unha estampa agosteña dende o coche, entre Zaragoza e Fraga: é un arco que lembra que por alí pasa o Meridiano de Greenwich.
Tags: De re varia, viaxes