Nietzsche nas noticias
HAI OCASIÓNS en que un pode facer un artigo ata filosófico, literalmente, ou, polo menos, cultureta: citar a Nietzsche, Eliade, Borges ou, xa postos (grazas, Wikipedia), Poincaré. Son eses momentos en que parece que volves ao mesmo, que as cousas se repiten, que hai unha especie de eterno retorno (o concepto que une os catro apelidos anteriores), que o que ocorre xa o viches ou viviches (ou liches ou contaches) antes. Pénsoo á vista de que estes nove días de marzo están cheos de asuntos antigos que un xa esquecera e que, de súpeto, volven ao primeiro plano.