Coímbra3
PACO di que ten ido unha chea de veces a París e que en cada ocasión atopa algo novo e descobre que aínda lle quedan cousas por ver. É unha desas cidades poliédricas, cheas de facetas e que, por moito que as visites, nunca acabas de ‘atrapar’. O pouso que che queda xamais se repite, sexa pola compañía, polo tempo, polo que ves… Tamén é verdade que as cidades evolucionan, igual ca ti, e iso tamén inflúe nas visitas, se son espazadas. Penso nisto ao regresar da miña terceira (cuarta?) estancia nunha unha cidade menos grande e máis pequena que París, Coímbra. Cada unha delas foi distinta, e a da recente ponte da Constitución, tamén. Por exemplo, desta non poderei esquecer a rúa do Cabido, que une as dúas catedrais e que é case vertical. Tamén recordarei as vistas na terraza estilo “George Clooney’s inside!” do museo Machado de Castro. A anterior viaxe estaba ligada a un concerto de Rodrigo Leão na Praza 8 de Maio (si, a da igrexa reconvertido en café); a de hai dúas semanas, ao impresionante ensaio dun coro na Sé Velha: que acústica teñen as pedras antigas! As pedras son realmente o único que segue igual dunha visita a outra, aínda que non sempre é así; por exemplo, da penúltima visita quedárame o alucinante recordo dunha igrexa somerxida, pero agora Santa Clara a Velha xa está libre do Mondego. De ríos falaba Heráclito, quen dicía que o cambio é o único que non cambia; nin nas cidades que (ao mellor, precisamente por iso) amas.
Tags: Coímbra, De re varia, texto íntegro, viaxes
22 de Decembro , 2013 - 11:58 am
qué gusto da aprender cousas ,contadas así ….
23 de Decembro , 2013 - 16:00 pm
O que dá gusto é ter lectores coma ti. Grazas e bo Nadal.