Tan coñecidos como o Quixote
ÁS VECES, Juan (da Redacción de Santiago) e eu ‘intercambiamos’ (dito con respecto) mortos: como entre el e eu hai unha xeración de diferenza, os famosos que coñecemos son diferentes: “Quen é esa Sylvia Kristel que me dis?” “E ese Phil Ramone?” Os últimos días tivemos bastante actividade fúnebre os dous: Poblet, Bigas, Montiel, Thatcher. Os tres últimos fanme recordar aquilo que lin, non sei onde, de que o mellor do Quixote é que non fai falta lelo para falar sobre el. Podes escribir algo sobre o cine sensual de Bigas Luna ou o erotismo que desprendía Sara Montiel sen ter visto ningunha película dos dous. O malo é que o director é, precisamente, o menos indicado para facelo, porque, por exemplo, eu empecei ‘Bilbao’ pensando que saía esa cidade e non hai nada máis lonxe da realidade. A peli, por certo, paréceme máis interesante e inquietante que a máis popular do seu director, ‘Jamón, jamón’, filme do que ás veces sospeito que o seu éxito está relacionado coa voluptuosidade xuvenil de Penélope Cruz. Para voluptuosa, Montiel en ‘El último cuplé’ ou, sobre todo, ‘Veracruz’. Alí facía o papel de latina explosiva que herdaron anos despois actrices como Eva Longoria ou Sofía Vergara, superando en parte o tópico. Da colombiana teño visto ben pouco, pero xa ven que iso non me impide escribir dela. Pola contra, de Thatcher hai toda unha xeración que si podemos escribir con coñecemento de causa.
A Thatcher e Sara
As dúas mulleres que foron morrer este 8 de abril fixéronme, en tempos, dubidar á hora de escribir. E cando redactaba esta columna para o xornal de papel, volveume pasar. E volvín a facerme unha vella reflexión sobre ese machismo case inapreciable que se esconde detrás da linguaxe. Porque a moitos lles tería parecido do máis normal que, na cuarta frase contando polo final, eu escribira ‘Sara’, así, sen apelido, sen máis (e fíxeno inicialmente). Pero ninguén entendería, por exemplo, que eu puxera ‘Juan José’, sen máis, ao referirme ao cineasta de ‘Bilbao’. O machismo inapreciable está en que haxa a quen lle pareza normal escribir ‘Soraya’ (Sáenz de Santamaría) pero non ‘Mariano’ (Rajoy). Pois o mesmo pasa ao escribir ‘La Thatcher’ (en castelán, que en galego é máis normal o artigo, tanto para home como para muller): ¿Ao que escribe ‘la Caballé’ pareceralle normal poñer ‘el Rajoy’? Sen dúbida, a mellor solución era a da miña avoa, que, como ese nome non estaba en cristián, dicía algo así como “a Margaret Cha esa”.
Por certo: houbo unha época en que eu tiña unha columna neste xornal titulada ‘Fumando escribo’. E si, o nome estaba inspirado nese tango (Viladomat e Garzo, 1922) que popularizou Saritísima en ‘El último cuplé’.
Tags: Bigas Luna, cine, De re varia, morte, obituario, Quixote, Sara Montiel