Nomes de vinganza

Statue Nemesis Louvre Ma4873ÁS VECES, cando camiño, paso preto dun bar que leva o nome da deusa grega da vinganza. Danme gañas de entrar e preguntarlle ao dono se o sabe ou se lle puxo tal estarrecedor nome porque lle soaba ben ou se foi por algunha serie de televisión ou de cómic. Miro cara dentro a través da gran cristaleira, por se hai algunha arma para impartir xustiza (tamén é deusa diso), pero non vexo nada, así que quedo coa dúbida, porque non me atrae o suficiente como para facerme cliente. Se cadra, a denominación é unha deturpación doutra cousa, do onomástico Nemesio, por exemplo.  Sei do difícil que é elixir o nome acaído, porque pasei días ata que atopei un que me gustara para o blog.  Os carteis dos locais din moito, tanto dos seus donos como da época en que abriron as súas portas. Os que levan topónimos ou xentilicios mesmo indican a orixe dos donos (‘Valdeorras’, ‘La Sepulvedana’…). Curiosamente, adoitan estar preto dalgunha estación, de autobuses ou de tren; non sei se é porque o dono baixou do tren e xa quedou alí ou se o puxo alí coa idea de atraer aos paisanos que chegaran despois. Logo viñeron os cosmopolitas, como ‘Tívoli’. E na Transición puxéronse de moda, sobre todo nas zonas de copas, as frases: ‘Adónde vamos’ (non recordo se en Lugo ou en Madrid), ‘No se lo digas a mamá’ (Vigo)… Aínda que o meu cartel favorito era o dun bar normal de estrada, entre Santiago e Lugo: ‘Xa encontrei o que buscaba’. Agora ten distinto nome é un asador: outro signo dos tempos.

Tags: ,

Un comentario a “Nomes de vinganza”

  1. comprobandoCaptcha

    seica dá problemas o captcha?

Comenta

*