O sequeiro que nos rodea

Aragón dende o coche
ELISABETH (ou, mellor dito, o seu nacemento) conseguiu que eu fixera realidade un soño que tiña dende que quitei, hai máis de vinte anos, o carné de conducir: cruzar España dunha costa a outra en coche. E os dous mil e pico quilómetros da viaxe Vigo-Barcelona-Lugo para coñecer á miña sobriña servíronme para descubrir dalgunhas cousas. Unha foi lograr entender as queixas dos cataláns polas peaxes: guiado por VíaMichelin, houbo momentos en que paguei un cada dez minutos (a autopista do Garraf). Outra foi constatar que os deste recuncho do noroeste somos unha enorme excepción dentro de España; recoñezo que influíu que era agosto, pero foi impresionante e desolador conducir por paisaxes secas, áridas e ocres, nas que che parece incrible que alguén poida cultivar algo. Por iso non me sorprendeu que o último día, que choveu, a xente da vila de Barcelona onde viven os meus familiares saíra ás portas das súas casas para ver o inusitado espectáculo da auga caendo. E na viaxe de volta a este recuncho verde, atravesando ese sequeiro que é España, acabei por descubrir tamén (repito: ocorreu neste agosto seco) que o ocre xa está petando nas nosas portas e nalgúns casos xa entrou. Así que me parece que non terei que moverme moito para facer realidade outro dos meus soños, que é perderme (dentro dunha orde) nun deserto, porque está claro que ao final vai ser o deserto o que veña cara a min.

Tags: , ,

Comenta

*