Os comunicados


(Completando un apuntamento da páxina do domingo)

Os comunicados oficiais polo ascenso do Lugo son un reflexo da clase política que temos e das súas teimas, neuras e ‘peleítas’ habituais. Adiantouse o alcalde, ás 22.38 do 24 de xuño; seguiu a Vicepresidencia da Deputación, ás 22.44, e rematou o grupo popular, ás 22.57. Tardou máis a delegación da Xunta, que chegou ao día seguinte.

Ademais das tópicas felicitacións, o alcalde López Orozco contaba que chamara a Xosé Bouso, presidente do CD Lugo, para expresarlle “a súa ledicia e a de toda a cidade”. Había na nota un certo encarnamento da cidade (“eu son a cidade”), que ata certo punto é lóxico en calquera máxima autoridade local.

O comunicado de Antonio Veiga, vicepresidente da Deputación, era curioso, porque recordaba as consecuencias económicas do ascenso e, ademais, recordaba a “gran tempada” do fútbol galego, polos ascensos de Celta, Deportivo e Ourense. Moi galaico, moi autonómico, moi nacionalista… case parecía como se lle costara.

E o correo do PP traía dentro un vídeo-comunicado de Xaime Castiñeira, que se foi con Ángel Trabada e o deportista Arcadio Silvosa (aínda que creo que o excompañeiro era máis de baloncesto) a ver o partido en Cádiz. Só lles faltaba dicir “nós estivemos alí e os outros, non”. Aínda que é posible que os outros puideran replicar: “Nós estabamos co resto de Lugo no Arde Lucus”. Con tal de non calar, xa saben que aquí créanse argumentos para unha cousa e a súa contraria.

Tags:

Comenta

*