Elisabet e o dedo adiviño

OS ASCENSOS do Lugo son un perfecto exemplo do que cambiaron a sociedade e os costumes. No de hai vinte anos, recordo que aquel domingo o Concello apagara os semáforos pola noite, como se facía, daquela, cada día, non sei se por aforrar ou porque, simplemente, non había tráfico. Aquel día, eu non traballaba, pero si estiven na Redacción nos dous seguintes ascensos, o do 2006 e o deste domingo. E nos dous casos, fixen o mesmo: escribín o texto final, o que anunciaba o ascenso, antes de que se producise realmente. En 2006, a cousa era doada, porque naquela inmensa prolongación que decretou o árbitro era imposible que remontaran os segovianos, así que dezasete minutos antes de rematar o partido xa tiña feito o titular. Hai dous días, o que fixen, nun alarde de confianza e arroutado optimismo, foi, segundos antes de que Manu tirara o derradeiro penalti, escribir un tuit

anunciando que o marcara. Deste xeito, no momento en que se fixeron realidade as dúas cousas, a de 2006 e a de 2012, só tiven que darlle co dedo á tecla de retorno, para publicalas. Hai seis anos, o texto que anticipei era o titular para a web; hai dous días, era para a conta de Twitter, rede social fundada vinte días despois do ascenso de 2006. Os dous últimos ascensos fixéronos agardar de máis, pero algún día podereille contar a Elisabet que na véspera do seu nacemento, na cidade na que vive o seu tío (eu), fixemos festa por todo o alto.

Curiosidade engadida:

Ao cortar, para adaptar este texto ao espazo da última páxina, quedou fóra un detalliño curioso: unha proba do présa que evoluciona a sociedade é que Twitter non existía cando o Lugo conseguiu o ascenso a Segunda B, fixo seis anos este luns. Naquel 2006, á rede social dos trinos (así o traducen nalgunhas zonas da América latina) faltábanlle uns vinte días para nacer oficial e legalmente.

(O tuit de Manu foi seguido de outro que anunciaba o ascenso, claro.)

Tags: , , ,

Comenta

*