Dobrando voces

CANDO un é membro dunha familia numerosa e ruidosa, agradece cousas como os subtítulos da tele, os que non había na miña infancia e que agora aparecen mesmo nos programas en directo. É unha das grandes achegas da TDT: seguir por exemplo unha retransmisión mentres na habitación contigua dorme alguén. A cousa ten as súas trampas: non se subtitula todo e nos directos podes ler aberracións idénticas ás dos tradutores automáticos, eses que converten á exministra Espinosa en Espiñenta, a certa xuíza de Lugo en Ronsel San José e a Monforte de Lemos en Monforte de Léemelos. Así, hai uns meses puiden ler, nun partido de Nadal, que o tenista tiña nada menos que unha bala (con a) de set; o subtítulo non detallaba de que calibre. Quen fai moito polos subtítulos é a dobraxe, porque nesta época dourada das series acabas por escoitar sempre as mesmas voces, e iso resulta aburrido. Sitúaste de costas á tele e paréceche que escoitas unha serie de acción cando é realmente un documental, nos que saen a voz de Guiomar Alburquerque (nome machadiano da muller que dobra á filla de Castle) ou a de Javier Viñas. Con este último chegas á perplexidade máis absoluta: que fai un louro de ‘Piratas del Caribe’ traballando de tenente do CSI en Miami? E por que o dono da voz de recheo de cada episodio de ‘El mentalista’ exerce de mestre de cociña en ‘Chowder’? Máis que dobrar, iso xa é duplicar, triplicar…

Tags: ,

Comenta

*