Notas

ÁS VECES estes artigos nacen de pequenas notas, que van evolucionando, pasadas horas, días ou meses, ata chegar ata estes 1.400 caracteres. Pero algunhas non dan para máis, como estas:

  • No Nadal hai compras vergoñentas: dez turróns, dous quilos de polvoróns e un bote de sacarina e unha caixa de cereais. Por que, por certo, nos anuncios de produtos para adelgazar sempre sacan a rapazas ás que non lles sobra un gramo e, por tanto, non necesitan o que se anuncia?
  • A quiosqueira puxo as revistas ‘rosas’ coas portadas sobre a dieta de Letizia Ortiz no escaparate, enriba… das de cociña. Pregunteille se era coincidencia ou non, e ela limitouse a sorrir.
  • Os países de América Latina alíanse nun ente chamado Celac. Nótase que Nestlé non vendía alí aquela popular (polo menos en España) papa infantil dos anos sesenta.
  • Semella que hai unha persecución contra o tempo libre: en Madrid xa implantaron os horarios comerciais ilimitados, e en toda España hai unha forte campaña contra as pontes; non sei que lle parecerá isto  a industria do ocio.
  • O que amola de ir cumprindo anos é ir vendo cada día máis xente da túa quinta nas necrolóxicas.
  • Oído ao pasar diante dunhas mozas nunha noite de festa en Lugo: “Canarias debe de ser bonita, porque unha amiga miña estivo en Mallorca e veu encantada”.

Tags:

Comenta

*