So(i)dade morna

ESTE agosto, cando da Uci chegaban noticias cada día máis desalentadoras, eu refuxiábame en Cesária Évora. Sacaba a pasear pola noite a Teo, o can da familia (que toleou cando a miña nai por fin saíu do hospital e volveu para a casa), e citábame, vía mp4, coa cantante de Cabo Verde que vén de falecer. E así consumía unha horiña da madrugada, mergullado nas súas melancólicas mornas (creo que isto é unha redundancia), facendo iso tan común de casar a música cos estados de ánimo. Era curioso comprobar como daquelas cancións de tons tristeiros podía xurdir algo semellante á alegría: quen canta, os seus males espanta. Algo así lle pasara á propia Cizé, que sobreviviu á opresiva tristeza colonial para chegar ata o recoñecemento, francés primeiro (procuren en Youtube o concerto en Le Bataclan de París) e mundial despois, falando sempre do mar, da saudade do seu Cabo Verde, coa rebeldía que lle levou a non facer caso, ata que non tivo máis remedio, dos consellos médicos: non fumes, non bebas, come san… Ela era tamén a responsable de que Mindelo, a súa cidade natal, estivera incluída na miña listaxe de viaxes soñadas e pendentes: contaban que vivía no centro da cidade e que che abría a porta e invitaba a grog, un demoledor augardente local, aínda que ela non bebía: “Eu xa bebín todo o que tiña que beber”, din que dicía. Agora os seus seguidores poderemos seguir preguntando polo camiño de São Tomé ou o seu pequeno país pero teremos que facelo na so(i)dade na que nos deixa.

Tags: ,

Un comentario a “So(i)dade morna”

  1. lola

    D. Ángel:

    Aquí me ten mordendo o anzó que me lanza esta vez pola boca desta muller á que tantos amamos.Non debería facelo;de feito case me deixo levar polo que dirán -véxase “comentarios recentes”-pero en Lugo non pasan esas cousa e no Progreso menos…..

    Gracias por algúns dos seus escritos dos Martes.E pida Inspiración para o vindeiro ano e decídase a publicar algo.Só lle falta Tempo.

    HEI ,SAÚDOS A TODOS!!

Comenta

*