En italiano

NOS ANOS do tardofranquismo espallouse a lenda de que se prohibira a canción ‘Je t’aime… moi non plus’. Seica o do veto non era certo, o que pasa é que ninguén se atrevía a radiar aquela sucesión de xemidos e acoramentos que fixo popular a esta canción, que é unha das poucas cousas salvables da película de Gainsbourg e Birkin. Na Transición, o tema difundiuse sen problemas e mesmo cheguei a ler un artigo dun xornalista que falaba do uso da devandita cantiga nos probadores duns grandes almacéns, algo que, aseguraba, incitábache a pensar que a roupa te acariñaba e che facía sentir sexy. Estes días recordeino cando, na cola da caixa do súper, descubrín que na música ambiental Fausto Leali cantaba “Yo te sembraré, tú germinarás, y al final descansaré cuando tú me des un hijo”. Non sei como pode influír nas compras ‘Io camminero’ (título orixinal da canción), pero recordei que Leali era parte desa morea de baladistas italianos obrigados polos mercados a traducir os seus temas ao castelán nos setenta e oitenta: Tozzi, Cocciante (italofrancés), Baglioni No instituto, algún chegou a aprenderse os estribillos en italiano para poder bisbarllos ao oído ás rapazas, que a adolescencia é esa época en que estás permanentemente namorado, esa situación en que, como di Kate Beckett, “entendes as cancións”. Agora, en troques, nin co italiano nin co francés ligas coa prima de Risco.

Tags: ,

Comenta

*