O público

É curioso o público que se ve nos mitins ou nos actos electorais, sempre ateigados. Meses antes da campaña oficial (que da extraoficial levamos máis ou menos un ano), cubrín informativamente en Lugo dous actos do PSOE, un con José Blanco e outro con Pérez Touriño, e sorprendeume a morea de xente que asistiu aos dous. Xa sei que López Orozco ultimamente tira moito, pero abraioume ver dende resucitados (socialistas que hai tempo que están fóra do primeiro plano) ata novos nesta praza, dos que non imaxinabas que tiveran simpatías socialistas. Hai poucos anos, o PSOE non lograba nin encher o auditorio de Caixa Galicia (preto de 200 butacas) e agora ten que deixar xente fóra.
Todo isto explícase coas enquisas na man, esas que din que nunca o PP estivo tan preto de perde-la maioría absoluta. Din que, gañe quen gañe, nada vai ser igual en San Caetano despois do 30-X, data na que remata o escrutinio xeral das eleccións de dentro de dous domingos. Por iso vense estraños achegamentos, por se cae algo, que hai moito despacho oficial por distribuír. Os do PSOE teñen a sensación de que están tocando poder e por iso vense vellas glorias a carón dos candidatos, para que se lembren de un cando toque o reparto de cargos. Os do PP saben que na próxima lexislatura é probable que Fraga nomee sucesor, e, polo tanto, é convinte estar xa na Xunta para ter unha boa e xa asentada posición dende a que facerlle a pelota ao elixido.
Pero se é curioso o tipo de público que hai nos mitins, éo tamén a súa distribución. Agora, aos candidatos deulles por rodearse de xente, dun xeito importado dos países anglosaxóns. Se, coma ata o de agora foi habitual, soben ao escenario, detrais terán xente (excepto se o sitio é escaso, como lle pasou a Fraga en Sarria). En tempos, estaba mal visto ou era de mala educación poñerse de costas aos demais; agora, búscase ese efecto. Os publicistas e os estrategas electorais saberán por que.
E existe a variante de coloca-lo candidato á mesma altura có público. É un xeito de achegarse aos votantes, de dicirlles algo así como “eu son un de vós” e non a figura lonxana, rodeada de poder (como o mestre, como o cura), que fala dende o púlpito. Cal será a seguinte novidade de márketing electoral que nos agarda? As tertulias en cafés con públicos reducidos? O candidato asaltando aos transeúntes e formando corros para conta-las súas propostas? O candidato xogando na PlayStation cos fillos dos votantes?
(Publicado en El Progreso, 8/5/2005)

19 Comentarios a “O público”

  1. negritasubraya

    acórdate das negritas nos nomes e de poñe-lo subliñado dos links antes das demais claves… e da cursiva de Publicado e…

Comenta

*