A luz de Alcaine
NA véspera de San Froilán, a Academia de Cine española entregoulle a súa medalla de ouro a José Luis Alcaine. Este tanxerino (do Tánxer español; de Tetuán, segundo outras fontes) de 75 anos é o fotógrafo de ‘El sur’, unha das miñas películas favoritas de sempre. Ás veces penso que a miña fascinación por esta obra de 1983 do parco Víctor Erice vén da fotografía, esa luz da que é responsable Alcaine: cálida nos interiores, fría nos exteriores invernais. Con ese filme inacabado (que me fixo ler o relato orixinal de Adelaida García Morales, que termina cambiando o norte cántabro polo sur sevillano), descubrín a importancia da fotografía no cine. Como non lembrar os primeiros minutos, ese amencer que envolve a Estrella (Iciar Bollaín, daquela debutante e agora directora favorita do ‘noso’ Luis Tosar), no que a luz vai medrando imperceptible a inevitablemente en cada plano, algo tan difícil de captar para o ollo mecánico dunha cámara. A partir de Alcaine (‘Tasio’, ‘Amantes’, ‘Jamón, jamón’… ‘La piel que habito’) descubrín a outros do seu gremio: Storaro, Almendros, Nykvist… Son deses creadores ‘secundarios’ que, como os músicos (outro aspecto do cine que adoro), ás veces voan máis que a propia película. Non recordo o título do filme equis, pero da música, a fotografía… non logro esquecerme. Como ocorre en tantas outras cousas, ás veces os mandados, os que van en letra pequerrecha, son os que fan que o traballo saia adiante ou, en definitiva, que as estrelas luzan.
Tags: cine, De re varia
19 de Outubro , 2011 - 15:57 pm
D. Ángel:
Reconcíliome con vostede logo do mal sabor de boca que me deixou o seu artigo do sábado.E non lle sabería dicir por que,estando como estaba no fondo de acordo con vostede.Trátase,logo,dunha cuestión de formas? Estoume volvendo conservadora? .Politicamente correcta?
Pero velaí que saca do faiado da miña memoria El Sur e…voilá…sehizolaluz…
Déilloxe estes 3`43 minutos 100% lugueses.Espálleos vostede que /se pode
Álbum Jirafas (you tube )
20 de Outubro , 2011 - 0:18 am
O meu artigo do sábado? Quererá dicir o do domingo? Por que? Polos tacos, como di algunha das miñas xefas? Porque me quedaron máis indignacións, que un día destes, cando a preguiza me deixe, poñerei aquí?