Debates

As cousas pódense ler de dúas formas: por unha banda, pódese interpretar que vai Quintana a un debate na TVG e non lle aparecen os outros dous candidatos principais á presidencia da Xunta; por outra banda, pódese interpretar que a televisión galega organiza un debate de cuestións xerais e ao BNG ocórreselle enviar ao seu líder. Aos telespectadores galegos, amantes do espectáculo en xeral e do boxeo televisivo en particular (como demostran as audiencias dos programas de telerrealidade, e máis cando os participantes se pegan entre eles), gustaríanos que foran os tres cabezas de lista os participantes nos debates. Un debate entre segundos queda un pouco máis eslamiado; ben, realmente tódolos debates teñen pouco sabor, excepto cando aparece algún Fernando Arrabal cunhas cuncas de máis. Esa debe de se-la razón pola que os programas de información parlamentaria teñen tan baixas audiencias.
Pero o debate entre Núñez Feijoo, Quintana González e Méndez Romeu (síntoo, nin o vin ni o gravei, porque preferín a
Gil e a Horatio)
pode ter outras lecturas. Aínda que algún pense que o líder do Bloque é o máis beneficiado pola ausencia dos seus rivais directos (porque poderá usar a súa non participación en contra deles), pode que non sexa así: se Quintana sae vitorioso do intercambio de opinións, poderase pensar que iso é o normal; e se sae perdedor, a súa imaxe quedará moi tocada.
E non sei se tamén é significativo que o PP, xa que non envía á TVG ao seu candidato pola Coruña, mande ao seu cabeza de lista
por Pontevedra
e non, poñamos por caso, ao
de Lugo,
que é tan vicepresidente da Xunta e tan herdeiro in pectore como o anterior.
Pero, para debates, o que vén de montar Pérez Touriño co seu anuncio de que a Consellería de Pesca vai te-la sede en Vigo. Ten a súa lóxica, se finalmente se pon en marcha a axencia europea de pesca na gran cidade do sur. Pero o que vén de facer o presidenciable socialista é destapa-la caixa dos tronos. Tan raro queda ter unha consellería a unha hora (bastante menos en buga oficial) e noventa quilómetros das demais como tela a
48 minutos e 36 quilómetros da costa.
Para os futuros conselleiros, terá unha gran desvantaxe te-lo seu lugar de traballo en Vigo: os pescadores cabreados por calquera cousa poderán expresa-lo seu enfado inmediatamente, perigosamente en quente.
Alguén escribiu onte nalgunha bitácora de Internet que a promesa de Pérez Touriño significa facerlle o xogo a Paco Vázquez e resucita-las reivindicacións localistas do alcalde da Coruña. É certo. Pode ser interesante ver como defende a súa proposta o candidato socialista alí, no que é un dos seus presuntos feudos. Pero, polo menos, anunciouno xa na campaña e non despois.
(Publicado en El Progreso, 7/6/2005)

Comenta

*