Mocidade
Nestes primeiros días de campaña, vexo que os candidatos expresan unha gran preocupación polos máis novos, como se na man destes estivera o voto decisivo. É curioso, porque ocorre nunha comunidade na que a pirámide de idade é máis abombada por enriba que por abaixo. Hai algún concello de Lugo no que no grupo de 70 a 80 anos hai máis electores que no de 18 a 25. Os datos oficiais din que só hai
Os partidos, ademais, levan ás formas esa preocupación que din ter polos máis novos. Nos mitins, colócanos detrais dos candidatos, con postas de escea case calcadas e moi de eleccións norteamericanas (outro día teño que volver sobre as postas en escea). E non sei se o fan para lanza-la mensaxe de que “a mocidade está connosco” ou se é para animar ós demais asistentes ó mitin, porque son ben ruidosos, moi buliciosos e ás veces semellan estar como extasiados. Na campaña das municipais do 2003 vin a unha candidata de Monforte repartindo pegatas entre os mozos nos pubs. Non sei se nesta chegarán a tanto. Outra cousa que descoñezo é se os mozos que estean preparando exames dentro de dous domingos terán tempo ou ganas de saír da casa para ir votar.
E para confirmar ese interese polo que antes se chamaba “xeracións do mañá”, os partidos maioritarios levan nas súas listas a representantes das súas formacións xuvenís, que nestas primeiras xornadas de campaña amósanse moi activas, especialmente Novas Xeracións. Pero ti repasas as candidaturas e dis “que ben, pensan nos menores de trinta” (idade tope para pertencer a algunha destas organizacións), pero despois miras o posto en que van (en Lugo, o doce no PP, o oito no PSOE e o seis no BNG), todos eles de elección pouco menos que quimérica, e xa non sabes qué pensar.
(Publicado en El Progreso, 6/6/2005)