Xa están aquiiiií…

Levan tanto tempo os candidatos amagando con pedi-lo voto e atacándose entre eles que xa case non notamos a diferenza entre o xoves 2 de xuño e o venres 3, e teoricamente haina. A única diferenza visible é que nos carteis, os mesmos que levan días ollándonos dende os farois (en Lugo, propiedade de Quintana) ou dende as marquesiñas (aquí repartidas entre Fraga e Pérez Touriño, nunha paradóxica harmonía), dende onte figura a palabra “vota”. Nótase que os fontaneiros dos partidos estiveron ben rápidos, como se estiveran agardando o momento xusto da pegada do primeiro cartel para renova-los paneis electorais.
E como a cousa está apertada, ou iso din as enquisas, os candidatos empréganse a fondo. Ou sexa, que se ata o de agora andaban pesados coas súas teimas, declaracións e promesas, a partir de agora vai ser peor. Se ata o de agora non podían pedi-lo voto e xa estaban dicindo que os outros van afundir Galicia, a partir de agora case semella que o van esixir (o voto, claro).
Así que agardan por nós trece días de suplicio ou de moito traballo para todos. Home, a min gústanme as campañas electorais, e máis se se albiscan tan axustadas ou intensas coma esta. Danlle un aire colorista ás cidades, crean postos de traballo, aumentan a nómina de festas, permiten ver ós políticos, tan comedidos eles habitualmente, dando renda solta ás máis duras descualificacións ou ás máis incribles fantasías, aínda que, neste último caso, é difícil de superar aquilo dos 800.000 postos de traballo de Felipe González.
Pero o que eu me pregunto é se todo isto serve para algo. A enquisa do CIS di que hai un vinte por cento de galegos que non sabe a quen votar (o 21 por cento en Lugo; un 29 por cento en Pontevedra, que é onde hai máis). Varios estudosos dicían onte nun xornal vigués que a campaña só decide o 10 por cento dos votos. Eu, que xa sei que papeleta vou meter na urna, pregúntome que espera esta xente: ver que promesa electoral é a máis espectacular? ¡Pero se despois todos imos dicindo que non se pode crer nos políticos e que o que se anuncia en campaña é pouco menos que papel mollado! A min, o que empezou na medianoite do xoves recórdanme un pouco a
Poltergeist, aquela mítica película de terror: xa están aquiiiií… E a verdade é que, como na película, estábamolo desexando.
(Publicado en El Progreso, 4/6/2005)

Comenta

*