Xulgado gafado

De novo volve a quedar aparcada a petición dun segundo xulgado para Sarria. Se non me falla a memoria, é a terceira vez. Dúas foron co bipartito e esta última, co PP na Xunta. Nas anteriores, pediuse algunha sala máis para Lugo que, realmente, facía falta. A Sarria ten ido algunha vez o presidente do Tribunal Superior de Xustiza para comprobar que, efectivamente, o titular do xulgado actual non dá feito, debido ao elevado volume de traballo. Por iso puxeron hai tempo un xuíz de reforzo. Pero nin sendo tan manifesta a súa necesidade, sae adiante a demanda do segundo xulgado.

O que pasa é que esta vez hai algunha diferenza: para empezar, PSOE e PP aproveitaron este pretexto para un novo capítulo da súa inacabable e cansina liorta política local: estes son quen de discutir mesmo polo tamaño das lámpadas (é un xeito de falar, que descoñezo se houbo tal debate). A segunda diferenza é que hai xente que discute que un xulgado de vixilancia penitenciaria para Lugo fose máis urxente que o segundo de Sarria. Vai ti saber se o problema é que descenden os delitos en Sarria e que, en cambio, operacións como a Carioca están a aumentar a poboación dos cárceres de Bonxe e Monterroso.

Tags: ,

Comenta

*