Electuras – Sorpresas chairegas
Luns, 8 de Xuño, 2015O PP, como sempre, foi o gañador na provincia de Lugo o 24-M, pero houbo dúas comarcas onde obtivo peores resultados dos que se podían agardar: nalgúns casos, a sorpresa rozou o pasmo. Agridoce foi a sensación na Mariña, onde os populares recuperaron Riotorto e Mondoñedo (aínda que lles custou ferro e fariña), pero perderon, quizais inesperadamente, Burela, Trabada, Lourenzá, Alfoz. A Chaira foi o outro caso: esa comarca onde en tempos só se vía unha clara cor azul pepé nos concellos.
O de Guitiriz, que supostamente vai volver ás mans socialistas, podía ser previsible, debida á división veciñal que se viviu nos últimos catro anos. A ver se neste cuatrienio poñen algo de paz entre todos. O de Muras, seica, tamén era esperable, debido á división interna dentro do propio goberno de Issam Alnagm Azzam, ese alcalde que tanto gustaba ás axencias de noticias (chamábano sempre que había unha guerra en Oriente Medio). O retorno de Antonio de Dios en Meira era, tamén segundo as malas linguas, igualmente esperable. Pero o de Xermade e Ribeira de Piquín foi como saltar a banca: poucos agardaban que o PP deixara de ser o máis votado en dous concellos que durante décadas estiveron nas mans deste partido.
Sumando Pol (onde o PSOE ampliou a súa maioría) e A Pastoriza (onde se pode repetir o bipartito PSOE-BNG), resulta que na que ata o de agora era a comarca máis popular de Galicia, vai haber minoría de gobernos do PP (cinco de doce).
O que nunca falla é o dominio do PP no concello natal do seu fundador, Vilalba, aínda que Gerardo Criado perdeu un concelleiro e quedou cunha maioría absoluta xusta (nove diante de oito). Na capital chairega, o PSOE quedou a 27 votos da sétima acta: teríallo quitada ao PP e na terra de Manuel Fraga tería sido pouco menos que a apocalipse.