O normal
Martes, 15 de Marzo, 2016
MORRE JOSÉ María Mendiluce e unha das primeiras cousas que destaca o informativo de mediodía dunha canle de televisión é que era homosexual. Algún directivo da emisora debeu de considerar iso máis interesante que os seus anos traballando para Acnur en prol dos refuxiados. Resulta significativo que pareza tan relevante a orientación sexual. Nos tempos máis virulentos de ETA, o que se resaltaba tralos atentados, cando había vítimas, era o estado civil: os asasinados deixaban muller (case todos eran homes) e fillos. Se cadra, a noticia de Mendiluce é un xeito de volver a ese tipo de xornalismo pretérito. Iso si, non hai contrapartida: non se di se un morto era heterosexual, por exemplo. Quizais esteamos pasando por un tempo en que, despois de séculos agochándoo, agora se lle quere dar visibilidade á situación, para conseguir a súa necesaria normalización. Aínda recordo a primeira vez que na necrolóxica dun home lemos, sorprendidos, “o seu marido”. Agora, iso non choca. Tamén cambiou a información sobre as causas. Había enfermidades das que non estaba ben visto morrer, nin informar delas. Agora, pola contra, é un dato que case vai no título. O mellor exemplo é o cancro: antes vivía xornalisticamente baixo o eufemismo “unha longa” ou “incurable enfermidade”, e na actualidade case esiximos que se diga de que tipo era ou a que órgano afectaba. A morte non cambia; a información sobre ela, si.