A débeda luguesa da Infanta
Domingo, 7 de Xullo, 2013
Un acaba por pensar que a movida co DNI da infanta Cristina é consecuencia das présas ou, peor, do descoido, que leva a encher os papeis oficiais co primeiro número que se lle vén a un á cabeza. E dígoo eu, que o pasado xoves, coas présas, cubrín un impreso en Correos no que lle din o meu nome a unha vía e en lugar de ‘Ángel Vaqueiro’ puxen o nome da miña rúa (algo así como “chámome Ribadeo e traballo na Rúa Ángel Vaqueiro”). E penso no da Infanta á vista do que se está a descubrir estes días. Sabido é que a familia real ten os primeiros DNIs de España. A nosa Duquesa de Lugo é o 00000013; a infanta Cristina, o 00000014 e o príncipe Felipe, o 00000015, se non recordo mal. E pensas no que pasou coas supostas propiedades da filla do Rei e pregúntaste se pasará iso noutros eidos. Miras o Boletín Oficial da Provincia de Lugo, porque é o máis próximo, e…. bingo!
Abonda con poñer eses DNIs no buscador para ver que…
- A infanta Cristina supostamente non pagou o imposto de vehículos (IVTM) de Muras dende o ano 2004.
- A infanta Elena tampouco pagou presuntamente o IVTM nese concello dende o mesmo período.
- O príncipe Felipe nin pagou o mesmo imposto en Muras, nin o do lixo en Becerreá. Isto si que é mobilidade xeográfica.
Pregúntome se algún dos tres terá oído falar dalgún deses concellos nos que xente co seu DNI (ou, para ser máis correcto, a quen lle atribuíron o seu DNI) ten vellas débedas coas arcas municipais.