Archivo de ‘Domingos’ Category

O que fas cando non es titular

Sábado, 22 de Febreiro, 2014

Ao fío do artigo do domingo, o último informe ordinario publicado polo Valedor do Pobo, o do 2012, é unha boa fotografía da provincia de Lugo, polo menos en canto a estatísticas.

Segundo eses datos, o comisionado do Parlamento para a defensa dos dereitos dos galegos recibiu ese ano 234 queixas procedentes de Lugo, que foi a provincia menos queixosa en termos absolutos.  Non é así en termos porcentuais, xa que só na Coruña hai máis queixas por cada dez mil habitantes, 11,95, cando en Lugo son 9,40.

A distribución das 234 reclamacións luguesas é case demográfica: 108 proceden do concello de Lugo, seguido de Monforte (18) e Sarria (16). O cuarto posto, con once queixas, é para un dos concellos máis pequenos, aínda que máis abandonado, Cervantes. Sitios máis grandes que a capital dos Ancares, como Tui ou O Barco ou Rianxo, presentaron menos. Curiosamente, ningunha das queixas de Cervantes ía dirixida ao Concello, e das de Lugo cidade, só 12. Pola contra, dende O Valadouro chegaron oito queixas, pero foron dez as dirixidas contra esta administración local.

Este informe ordinario de 2012 (do que se editou unha revista cun resumo) é o primeiro asinado polo home que ocupa o cargo en funcións, José Julio Fernández Rodríguez (na foto, na imaxe oficial da súa web),  que xa debe de estar a preparar o de 2013. Parece mentira que o próximo martes 25 vaia cumprir 21 meses en funcións.

De Baqueros e vaqueiros

Xoves, 12 de Decembro, 2013

É evidente que no Septenario do domingo non citei o gran tema inesperado dos últimos tempos na provincia luguesa: esa sucesión de casos que fixeron que Lugo pasara de ser unha cidade tranquila e durmida a unha capital podre e na que ninguén parece estar limpo. Neste caso, foi unha ausencia premeditada: hai temas que cansan. Pero vou aproveitar para facer dúas matizacións sobre os últimos Septenarios.

Para empezar, equivoquei o concello no que está a láctea Castillode Pambre e que, polo tanto, é obxecto de interese de García Baquero. Non é Antas de Ulla, como escribín o 13 de outubro, senón Palas de Rei, como ben apuntaba o link.

O 3 de novembro, fixen o artigo a partir do que mandan os mortos, tanto virtuais como reais. Tiña pensado escribir algo sobre a enésima liorta, rexistrada días antes, entre o Concello e a Deputación de Lugo polas obras na Rúa do Mercado de Guitiriz, unha desas pelexas que a min recórdame a eses vaqueiros que se retan a ver quen desenfunda antes. Pero naquel momento non din inserido o tema dentro da sucesión lóxica do texto. Días despois si que atopei o fío que non achara, e iso que era máis que evidente: un dos protagonistas, o alcalde de Guitiriz, é todo un experto en mortos, como propietario dunha funeraria. Dende logo, foi un claro lapsus memoriae.

Aquela carta

Xoves, 25 de Xullo, 2013

Volvendo ao artigo do domingo pasado. En plena investigación de García Calderón sobre Prado Villapol, chegou a El Progreso unha sorprendente carta ao director (publicada) que proclamaba que o exalcalde do Vicedo era a porta cara o financiamento irregular do PP. Daquela, xa digo, moitos pensamos que era unha tolemia de quen rubricaba a carta. Hoxe, igual non. O que se investigaba eran as dietas que percibían os políticos. Chegouse dicir que Prado Villapol mesmo pasara dietas por 31 días en febreiro. Xa ven que non cambiaron moito as cousas, porque o tema segue de actualidade hoxe en día mesmo noutros ámbitos.

Estradas cara á recesión

Luns, 1 de Xullo, 2013

SON DÍAS de adeuses. Algúns non nos volveremos a ver nun par de meses, porque logo das vacacións duns virán as dos outros. Ocorre en moitas partes, polo menos en sitios onde aínda se poden ir de vacacións. E se setembro é un momento ideal para marcarse bos propósitos, xullo e, sobre todo, agosto sono, por exemplo, para facer repaso: que se o coche está peor, que se o bañador xa non me entra e aos nenos tampouco, que se está todo máis caro (ou temos menos diñeiro)… Hai outra cousa que sobre todo notarán os que levan tempo sen ir a algún sitio: o que cambiou o estado das estradas, para peor en liñas xerais.

SEGUE AQUÍ

Esquecido paso do ecuador

Luns, 17 de Xuño, 2013

ESTE MARTES cumpríronse dous anos desde que tomaron posesión as actuais corporacións locais e ¿a que ninguén viu en ningures unha mínima celebración por este paso do ecuador? En tempos, os políticos locais houbesen celebrado ao grande estes dous anos «de progreso» (por sorte, aínda que agora parece posible o crecemento negativo, aínda o progreso segue sendo cara a adiante) ou fixesen, polo menos, un balance. Buscando a data exacta de constitución destas corporacións, atopeime un vídeo da cacerolada con que foi recibida a cuarta investidura de José López Orozco como alcalde de Lugo. E é que aquel 11 de xuño de 2011 estabamos en plena resaca do 15-M; de feito, este movemento fora o promotor da protesta lucense.

SEGUE AQUÍ

POST SCRIPTUM:

Os políticos non se lembraron da efeméride, pero algúns xornalistas, si. E teño que citar aquí o meu compañeiro da Mariña Pablo Villapol, quen escribiu sobre o mesmo tema (e case o mesmo título) un día antes ca min.

As fiestras dos políticos

Luns, 13 de Maio, 2013

O PLENO DO luns no Concello de Lugo debeu de ser dos máis animados e concorridos dos últimos tempos. Foi como unha especie de catálogo dos problemas e os motivos de mobilización que recollemos os medios nos últimos tempos: As Mercedes, preferentes… e ata se falou do Hula, aínda que non das dotacións que levaron a unha nova mobilización, senón do aparcadoiro. E para completar o panorama de queixas, o venres estiveron por alí (ou na casa consistorial polo menos) os representantes de Alimentos Lácteos. Ante tan inusitada situación, tamén se deu unha inusitada resaca plenaria, que se prolongou varios días e que serviu para continuar a rifa que se iniciou no pleno, seguiu a claque de cada partido en internet e concluíu co habitual cruzamento de acusacións en roldas de prensa.

Segue AQUÍ.

O día dos 31.600 pacientes

Luns, 6 de Maio, 2013

A SITUACIÓN ACTUAL de Lugo pódese resumir en cifras: 1.500, 29.379 ou 31.600. Os 31.600 son os que aseguraban estar en paro cando o INE fixo a última EPA (enquisa de poboación activa), Os 29.379 son os lucenses que figuraban inscritos nas oficinas de emprego a finais de marzo: os datos máis recentes, os de abril, non serán divulgados ata este luns. E 1.500 son as persoas que acudiron, segundo o cálculo xornalístico, ás manifestacións que percorreron o centro da capital lucense o Primeiro de Maio. Por suposto, as cifras provinciais son menos impactantes que as nacionais: 6.202.700 (parados, segundo a EPA) é un número como para recitar nunha salmodia [...]

CONTINÚA AQUÍ.

Confiar na porta de atrás

Luns, 29 de Abril, 2013

LUGO FIXO historia estes días. Na provincia debatéronse tantas mocións de confianza nunha soa semana como na historia do Goberno do Estado desde a restauración democrática: dous. A principal diferenza é que unha, a de Monforte, tivo o mesmo resultado que as dúas expostas no palacio das Cortes: foron aprobadas. En cambio, na do Valadouro o pleno retiroulle a confianza ao alcalde. Pero o rexedor valadourés, o popular José Manuel Lamela, non foi o primeiro en perder a confianza do pleno recentemente. O 18 de marzo ocorríalle o mesmo ao alcalde de Cambre, o seu compañeiro de partido Manuel Rivas.

CONTINÚA AQUÍ

Esas augas que nos levan

Luns, 22 de Abril, 2013

HAI SEMANAS que se poden resumir cunha soa palabra. á que acaba poderiamos adxudicarlle o vocábulo “auga”, co que, ademais, fago unha titular homenaxe ao finado José Luís Sampedro. Así, en Lugo falouse da auga que flúe polos ríos que supostamente están afectados por ese PXOM por fascículos que están a parir. A suspensión por parte da Xunta, por un requirimento da Confederación Hidrográfica, pon de novo de manifesto a pachorra con que se toman algúns as cousas e o desorganizados que deben de estar algúns despachos, onde é perfectamente posible que entren documentos en 2011 pero se volvan a reclamar en 2013. é case o mesmo que facer planos sen saír do despacho e pór casas encima dun río, como ocorría no documento inicial.

Segue AQUÍ.

Dióxenes fai política

Luns, 8 de Abril, 2013

EN POLÍTICA, o pasado ten moito perigo, e a memoria, tamén. Son dous conceptos que adoitan ir unidos: se ninguén recorda o pasado, este non vale de nada. E esta semana vimos a especial importancia que poden ter os tempos pretéritos, e o que chegan a mover nos presentes, aínda que o refrán (“auga pasada non move muíño”) diga o contrario. Era moi divertido ver a prensa de tirada nacional o pasado domingo, con exclusivas tan recentes como as fotos de Núñez Feijóo ou a herdanza de don Juan de Borbón.

Segue AQUÍ.