O pleno da Deputación de Lugo aprobou hai uns días unha moción, obra do bipartito socialnacionalista gobernante, pola que se lle pide á Xunta que manteña a gratuidade total para os libros de texto. Sospeito que vai ter o mesmo éxito que outras, aínda que dirixidas a gobernos amigos. Desta, PSOE e BNG danlle armas ao PP, que pode asegurar que os partidos que gobernan a Deputación queren defender aos ricos, a pesares da súa procedencia proletaria: é o mesmo argumento que utiliza a actual Consellería de Educación para defender o recorte na gratuidade.
Non é a primeira vez que unha institución é utilizada como ariete contra outra de cor política distinta. É posible que ata o 2013 vexamos algún exemplo máis. Penso nisto cando vexo que estes días tamén se está a falar da continuidade ou non do Centro Tecnolóxico Lácteo (CTL) que estaba proxectado para Lugo, a partir da veterana Aula de Produtos Lácteos do campus. O último rumor di que igual a Crise se leva por diante o proxecto. Este CTL é un dos máximos exemplos que temos en Lugo de como se pode converter algo en instrumento para as guerras entre partidos.
A lenda di que este centro tecnolóxico foi o primeiro pensado en Lugo, pero a Xunta, presidida daquela por Manuel Fraga, non lle fixo caso. Ata que chegou Xosé Blanco na campaña das eleccións xerais de 2004 e dixo que o PSOE ía crear un centro tecnolóxico agroalimentario (Cetal). A idea tiña unha clara cor socialista. Así que ás poucas semanas un dos conselleiros de Industria máis grises dos últimos tempos, Juan Rodríguez Yuste, visitou Lugo para anunciar un centro tecnolóxico lácteo no campus. Despois gañou o bipartito, e semellaba que a idea láctea esmorecía, ata que o sucesor de Yuste, Fernando Blanco, decidiu resucitar o proxecto e usalo como ariete contra o Cetal do PSOE, que ía (vai) lento de narices. Algúns apostamos a que o centro lácteo ía funcionar plenamente, con sede e todo, antes que o Cetal, que arrancara antes. Pero chegou o 1-M, cambiou outra vez o goberno e parece que o futuro do CTL é pouco optimista. Unha mágoa, porque Lugo podía ter chegado a ser un referente en materia de investigación agraria, pero o noso Silicon Valley particular vai camiño de quedar no caixón dos proxectos non natos.
O que anda ultimamente moi activo, a un ritmo dunha nota de prensa á semana como mínimo, é o Cetal. O curioso é que a súa actividade estivo desaparecida un tempo en internet. Hai unhas semanas, preguntábaslle a Google polo Cetal e non aparecía nada. Agora parece que xa está arranxado. Milagres da tecnoloxía do centro tecnolóxico. A web, por certo, está deseñada por unha empresa de Lugo (que comparte o centro de empresas de Lugo co Cetal) que o pasado outono estivo envolta nunha polémica política.