Archivo de ‘Deputación’ Category

Electuras – En stand-by

Domingo, 31 de Maio, 2015

E de súpeto, desapareceron algúns políticos. Por exemplo, de López Orozco non se soubo nada dende a noite electoral ata que o xoves compareceu ante a prensa porque foi visitalo Jaime Castiñeira. O alcalde en funcións volveu aparecer o día seguinte, nun acto nesta casa. Ese estado de espera no que se instalaron moitos chegou mesmo ata algún organismo, que rebaixou o seu ritmo de produción de comunicados. Curiosos estes stand-by. Pregúntome se nalgures soará esa música intranscendente e coñazo que te poñen mentres agardas a que te pasen dunha centraliña a unha extensión telefónica.

Electuras – Pelexa frustrada

Sábado, 30 de Maio, 2015

Tantos ríos de tinta se verteron sobre o candidato do PP á presidencia da Deputación de Lugo e ao final os resultados convertérono nun debate inútil. Que se Elena Candia, que se Raquel Arias… mesmo o colega Ramudo chegou a insinuar unha terceira vía (que cadraba con Agustín Baamonde, deputado autonómico, exalcalde e concelleiro reelecto en Vilalba). E ao final, nada. Candia conseguiu unha axustada vitoria, despois dun demorado reconto, e logra á terceira a alcaldía de Mondoñedo, e Raquel Arias non tivo problemas para saír elixida na lista encabezada por Luis Fernández Guitián en Sober. Pero de nada valeu a loita, porque semella que (agás encontrón tremendo) se vai repetir sen problemas o pacto socialnacionalista para seguir co-mandando a Deputación de Lugo catro anos máis.

Agora a rumoroloxía asegura que Arias vai renunciar á acta no concello do que foi alcaldesa, para poderse seguir dedicando a dirixir a delegación da Xunta en Lugo. O ano que vén toca comicios autonómicos: volverá a haber movementos?

Un enfrontamento modélico

Martes, 15 de Abril, 2014

UNHA RIFA entre dous partidos adoita ser noticia; cando se repite moito, non: cansa como correr dúas maratóns seguidas. E hai moito tempo que non asistiamos a unha polémica tan coñazo, repetida e aburrida como a que se traen o goberno local de Guitiriz e o provincial de Lugo, na súa rama socialista. O de José María Teixido, José Ramón Gómez Besteiro e os seus satélites chegou a tal nivel que un non sabe se reunilos e encerralos sen pan nin auga ata que se poñan a falar seriamente ou mandar á papeleira o comunicado ou a rolda de prensa do día. Pero esta semana, caín na conta de que este desafío matonesco toma elementos doutras partes… como todo culebrón ou folletín.

SEGUE AQUÍ

O adeus dun home tranquilo

Luns, 27 de Xaneiro, 2014


Esta semana cumprirase un mes da marcha oficial de Xosé Antón Bao da casa do Concello de Lugo. Despois de moitas voltas, mesmo xa sabemos quen vai ocupar o seu escano no grupo do BNG. Trátase de Cristina Ferreiro, que, como Bao, forma parte da historia recente do partido na provincia. A traxectoria do exconcelleiro daría para escribir un libro: edil en Becerreá, deputado provincial, presidente do Breogán, candidato ao Congreso (2004), vicepresidente da Deputación, concelleiro raso en Lugo, tenente de alcalde no mesmo concello e, finalmente, membro dunha oposición tenaz: o seu ‘non’ aos orzamentos de López Orozco, sumado á negativa do PP, foi o que fixo que o Concello de Lugo vaia seguir este ano (en principio) coas mesmas partidas de 2013.

Algúns puxéronlle os cornos e o rabo que moitos lles debuxan aos nacionalistas galegos, pero o certo é que na distancia curta gañaba moitísimo, ata ser un tipo entrañable. Algunha vez chanceamos sobre os seus xemelgos: “Teño a sensación de que me preguntas polos nenos para ver se baixo as defensas”, díxome unha vez, entre risas, cando eu intentaba que me adiantase non sei que noticia política. Contraataquei días despois dicíndolle: “Vasmo dicir ou terei que preguntar polos nenos antes?” Todo, por suposto, nun ton xovial e distendido entre os dous.

Menos distendidas foron as relacións coa UPG, segundo din as malas linguas. De feito, hai quen atribúe o seu adeus ás presións da ‘U’. Tal cousa mesmo se chegou a publicar nalgunha web o día do anuncio. Horas despois, o post foi retirado e, finalmente, publicouse de novo, pero matizado, dando a entender que, por unha vez, un político non minte cando di que se vai por motivos persoais. No adeus, o BNG organizou un acto que quería ser informativo e foi emotivo, no que houbo bágoas e apertas a tres bandas, con Bao, Álex Penas e Paz Abraira (os tres, na foto). Sería para evitar ruxerruxes.

O certo é que os seus quince anos en política deron para moito, e diso dá fe o arquivo de El Progreso. Alí aparece en Becerreá a carón de Manuel Martínez, agora alcalde dese concello, cando os dous se puxeron diante das máquinas da autovía. E tamén aparece negociando con Gómez Besteiro o primeiro bipartito da Deputación (xullo de 2007), días despois de facelo con López Orozco. Con este último, o pacto foi imposible; con Gómez Besteiro foi rápido e sinxelo. El mesmo o recoñecía na entrevista que lle concedeu a Xoán C. Vidal.

Os xornalistas que agardabamos no Méndez Núñez a ver en que acababan aquelas xuntanzas co PSOE polo goberno da Deputación aínda recordamos o cabreo que pillou Bao cando veu pasar pola porta do hotel a Orozco. “Que pasa? Agora vén a ver se fode isto tamén?”, preguntouse para si, pero nun volume suficientemente audible. Agora que chega ao medio século de vida (o 29 de marzo, concretamente), quizais estaría ben que contara cousas como esas nunhas memorias: outros, con menos traxectoria e interese, xa as escribiron. Polo de agora, como aínda mantén a conta en Twitter, sabemos que segue indo ao Breogán; é, coa familia e a política, unha das súas grandes paixóns.

O xenio nas xestións

Luns, 24 de Xuño, 2013

É XENIAL a palabra ‘xenio’. Pode ser tan positiva como negativa: ese mozo é un xenio, pero ten mal xenio. «Non tíresme do xenio», avisábannos en casa en galego, ese idioma no que hai unha expresión tan agradable que, realmente, «dá xenio». E estas semanas puidemos usala en varios sentidos… aínda que o certo é que se entende mellor se lle pomos unha sordina irónica, cando non sarcástica (recoméndase ler así ata o final). Porque houbo xestións que realmente «deron xenio»: imos, para tirar foguetes, ou mellor non, que igual nos dá por tiralos contra alguén.

O da ponte romana de Lugo foi unha das maiores xenialidades. Primeiro, que non; despois, que talvez; máis tarde, que pode, e finalmente, «tirándolle do xenio» aos veciños, foi que non. Non son poucos os lucenses que pensan (pensamos) que a ponte debe ser peonil, aínda que tamén hai uns cantos que opinan que aquí se fixeron as cousas co cu.

SEGUE AQUÍ

Xogar en sala ou en despacho

Luns, 20 de Maio, 2013

NON SEREI orixinal: escribirei do mesmo que o facían onte Xoán C. Vidal e Luís Ruiz; é dicir, da conversión do CD Lugo en SAD, a actuación das institucións públicas e a marusía subseguinte. Realmente, non houbo outro tema de interese en Lugo estes días no ámbito político… ah, perdón, esquecíame do último descubrimento da operación Pokemon. Bo, pois entón sen dúbida non houbo outro tema de interese en Lugo estes días no ámbito deportivo… ah, perdón, esquecíame de que por primeira vez un equipo desta provincia obtén un título de Liga. Vaia! Haberá que ver en decembro, cando as socorridas enquisas sobre os temas do ano, cantos se acordan de que o Burela FSF situouse este 2013 á altura do Barça de Messi (ou o Madrid de Ronaldo o ano pasado).

SEGUE AQUÍ

A pantasma de Santa María

Luns, 28 de Xaneiro, 2013

HACE TIEMPO, alguien me contó una historia de fantasmas en un veterano edificio del centro de Lugo. El personal de limpieza trabajaba en él por la noche, apagaba todas las luces al acabar y, nada más salir a la calle, esas luces recién apagadas volvían a estar encendidas. Posiblemente, era un problema de la instalación eléctrica, pero la curiosa historia llegó a circular durante un tiempo. Y no es un edificio excesivamente veterano, porque no cumplirá los cien años hasta dentro de un par de décadas. Pero en este tiempo ha tenido una existencia muy agitada: pensado como hospital de beneficencia (de su inauguración, en tiempos de la República, procede una de las fotos más conocidas del doctor Rafael de Vega), acabó siendo la sede del Inludes. Y ahora, con la desaparición de este ente de la Diputación, volverá a tener el nombre que siempre ha tenido: el hogar de Santa María.

SEGUIR LENDO

Os comunicados

Martes, 3 de Xullo, 2012


(Completando un apuntamento da páxina do domingo)

Os comunicados oficiais polo ascenso do Lugo son un reflexo da clase política que temos e das súas teimas, neuras e ‘peleítas’ habituais. Adiantouse o alcalde, ás 22.38 do 24 de xuño; seguiu a Vicepresidencia da Deputación, ás 22.44, e rematou o grupo popular, ás 22.57. Tardou máis a delegación da Xunta, que chegou ao día seguinte.

Ademais das tópicas felicitacións, o alcalde López Orozco contaba que chamara a Xosé Bouso, presidente do CD Lugo, para expresarlle “a súa ledicia e a de toda a cidade”. Había na nota un certo encarnamento da cidade (“eu son a cidade”), que ata certo punto é lóxico en calquera máxima autoridade local.

O comunicado de Antonio Veiga, vicepresidente da Deputación, era curioso, porque recordaba as consecuencias económicas do ascenso e, ademais, recordaba a “gran tempada” do fútbol galego, polos ascensos de Celta, Deportivo e Ourense. Moi galaico, moi autonómico, moi nacionalista… case parecía como se lle costara.

E o correo do PP traía dentro un vídeo-comunicado de Xaime Castiñeira, que se foi con Ángel Trabada e o deportista Arcadio Silvosa (aínda que creo que o excompañeiro era máis de baloncesto) a ver o partido en Cádiz. Só lles faltaba dicir “nós estivemos alí e os outros, non”. Aínda que é posible que os outros puideran replicar: “Nós estabamos co resto de Lugo no Arde Lucus”. Con tal de non calar, xa saben que aquí créanse argumentos para unha cousa e a súa contraria.

Falta

Venres, 29 de Xaneiro, 2010

Seguindo coa Deputación de Lugo, hai tempo que González Barcia, o viceportavoz do PP no ente provincial, non publica unha das súas listaxes de faltas de asistencia ás xuntas de goberno, para demostrar a “vagancia” (expresión súa) do actual bipartito. Pero o certo é que á primeira xunta de goberno deste ano non asistiu ningún dos representantes do BNG, que tampouco estiveron presentes na rolda de prensa posterior.

Certo é que a xunta tiña unha orde do día que cabía nun gran de arroz. Nos vellos tempos, a falta de contido destas xuntanzas semanais compensábaa Cacharro falando de calquera cousa, aínda que fose da guerra no Iraq. Agora algo intentan o nacionalista Bao e o socialista Gato, pero non lles sae igual.

O xabaril de Gato

Xoves, 28 de Xaneiro, 2010

Antonio Gato, o voceiro do PSOE na Deputación, sufriu o outro día (máis ou menos) nas súas carnes a súa propia medicina. Nas roldas de prensa das xuntas de goberno dos venres, o alcalde de Monterroso dá conta moitas veces das reclamacións de responsabilidade patrimonial que algún cidadán presenta contra a Deputación por ter sufrido algún accidente nas estradas da súa competencia. Normalmente, as reclamacións son ou por culpa dalgunha fochanca no medio da calzada ou porque se cruzou algún animal salvaxe diante do coche e provocou o accidente. Como a estrada é da Deputación, reclámase contra ela por non tela coidada, no primeiro caso, e por non evitar o tránsito de animais libres, no segundo.

Ben, pois hai uns días, camiño de Monterroso, Gato sufriu un accidente nunha estrada da Deputación: o seu coche chocou… contra un xabaril. A el non lle pasou nada, e descoñecemos se vai presentar unha reclamación patrimonial. Logrará convencer aos seus compañeiros de que lle paguen ben ou terá que acudir á Xustiza?