Archivo de ‘Edición impresa’ Category

De compras

Martes, 19 de Abril, 2016

TODO O mundo fai unha compra grande, que normalmente ten carácter semanal (ou cando se pode). Os expertos aconsellan facela fóra da hora de comer e cunha lista pechada, para non sucumbir á tentación de comprar o primeiro que ves e arrepentirte ao baleirar as bolsas na casa. Pero se un non ten présa e pode deterse un chisco diante dos estantes, pode pasar un rato ben divertido: é sorprendente a cantidade de cousas estrañas que se venden, en especial nos hipermercados; cousas que nin imaxinabas que podían existir e que cobren calquera situación, por atípica que sexa. Que es moreno e tes pencas verdes na cara? Pois seguro que algún laboratorio de cosmética xa ideou unha crema para suavizar a cor. Xa non abonda cun simple limpacristais, como en ‘Mi gran boda griega’. Gardatomates e gardalimóns, ámbolos dous individuais e para a neveira, deixáronme sorprendido, sobre todo porque a primeira vez que os vin foi nun híper de informática; non, non funcionaban con electricidade. As cousas máis impresionantes aparecen, porén, nas zonas de cosmética, droguería… O xel íntimo masculino pode parecerme útil; que os cortaúñas agora sexan diferentes para mans e pés (cando non hai moito usabamos unha simple tesoira) podo entendelo; o da auga para peitearse, diferente segundo o tipo de cabelo, retrotráeme a esas nais que te alisaban o pelo co seu cuspe… pero o que me ten descolocado son as misturas. O xel de chocolate pódese comer? E o de crema de iogur (grego, matizo)? Aínda que, postos con cousas raras, aínda non din sabido que é iso de ‘Dentríficos’ que anuncian nos carteis fixos dun hipermercado de Vigo. Xa non saben que facer para vender.

(A FOTO: Este “dentrífico” amenazador estaba colgado a mediados de marzo nun hipermercado de Vigo. Non sei que pensarán os seus primos os dentífricos.)

‘Babbino’

Martes, 12 de Abril, 2016



ALGUÉN PREGUNTA se coñezo o título exacto dese tema que está a cantar esa rapaciña en ‘Got Talent España’ e eu non só respondo que é ‘O mio babbino caro’ de Puccini, senón que adxunto un vídeo subtitulado de Maria Callas interpretando esta aria de ‘Gianni Schicchi’. Na procura descubro, abraiado, que o de España non é novidoso. E acabo por pensar que é obrigatorio que en calquera dos ‘Got Talent’, sexa no país que sexa, concurse alguén, preferentemente muller e menor de quince anos, cantando esta aria. E tamén parece obrigatorio que os membros do xurado acollan a actuación con acenos de pasmo, coa boa aberta, facendo reverencias ou tirándose no chan. O público, por suposto, non para de aplaudir dende o principio: que dozura, que tenrura, que beleza, que… Pasou en Holanda, en Estados Unidos, en México, en España hai unas semanas e en Romanía hai uns días. E a min esta fascinación que xeran algunhas cancións paréceme un pouco enganosa. É como se consideraramos que tal canción é un canon de algo: se a cantas ben, pasas o concurso: ademais, é linda (“cuqui”) e cortiña: non importa que haxa pezas máis doces ou difíciles (de agora e de antes). Recórdame o que facían algunhas orquestras para rematar as verbenas. Para demostrar un suposto poderío (?) vogal e instrumental, cantaban o tema central de ‘Underworld’ ou perpetraban, igualmente a berros, ‘La fiesta pagana’, de Mägo de Oz. Que arte!

ADENDA

Pódense escribir moitas cousas sobre isto, sobre a xente que canta na casa e a quen os seus acaban por convencer de que valen para iso, cando logo na vida real non é así. Tamén habería que preguntarse se tanta precocidade é normal. Menos mal que a Jorge Javier Vázquez, o máis crítico dos xurados de ‘Got Talent España’ non se lle ocorreu preguntar aos concursantes se saben de quen é o que cantan. Igual de ‘O mio babbino caro’ (aínda que non creo que fose o caso) lle dicían que a autora é Amira Willighagen, rapaza holandesa que, por certo, ten entrada na Wikipedia en español.

Por certo: tanto en Holanda como agora en España, a rapaza que interpretou ‘O mio babbino caro’ pasou despois a ‘Nessun dorma’, outra desas arias que tanto vale para gañar unha Champions como para anunciar calcetíns.

Escuma

Martes, 5 de Abril, 2016


CATRO DOS mellores discos que teño na casa, deses que salvarías nun naufraxio, publicáronse no 1992. Son ‘Automatic for the people’, ‘Échate un cantecito’, ‘No solo de rumba vive el hombre’ e ‘Sangre española’. Os tres últimos son obra de cantantes que antes fixeran outras cousas moi diferentes. ‘Sangre española’ era a recuperación para o pop masivo de Manolo Tena, cantautor que transitara pola movida e que só os moi entendidos (nomeadamente, os de Radio 3) recordaban da época de Cucharada ou Alarma!!! Despois de facernos tocar madeira, contarnos paixóns xitanas e laiarse de que tiña a moto escarallada, este estremeño foise diluíndo ata vivir unha segunda resurrección hai uns meses. Foi da man de ‘A mi manera’, un atípico programa de La Sexta que nos serviu para constatar a estreita relación que en tempos tiveron a música española e as drogas. Outro dos que participaba no espazo, Nacho García Vega, viu morrer ao seu primo, o mítico Antonio Vega (‘La chica de ayer’), vítima da heroína. Tena, que tamén viviu eses excesos, morreu onte dun cancro de fígado. No programa víaselle moi gastado. Era o único dos sete participantes que bebía sempre auga. Alí confesou que nacer a 300 quilómetros da costa máis próxima é a causa de que case todas as súas letras conteñan algunha referencia ao mar. Como tantos outros dos seus tempos, coas drogas e coa música intentou ser mar, pero só conseguiu escuma.

82

Martes, 29 de Marzo, 2016

82 ANOS cumpriu o meu pai esta fin de semana. Por eses días, os informativos falaban do histórico concerto duns septuaxenarios en La Habana. A miña avoa, que pasou os vinte últimos anos avisando da súa inminente morte, adoitaba exclamar un “Quen dará chegado alá” cando oía falar de xente de idade tan avanzada. En tempos, os setenta e os oitenta eran dúas idades pouco menos que inalcanzables: no medievo, con corenta xa eras un vello, e non digamos con cincuenta. Eran outras épocas, outro ritmo de vida, outra medicina, outras contornas… Agora, en cambio, vemos publicidade do estilo “os cincuenta son os novos corenta”, que intenta convencernos de que é posible cumprir anos e seguir sendo un rapaz. É unha soberana estupidez, tanta como pensar que a partir de certas idades (cincuenta, sesenta…) acaba todo. No fondo, é un asunto comercial: hai que facer negocio como sexa, comprar roupa de verán mesmo cando aínda non empezou a primavera. Os maiores (a palabra “vello” hai tempo que está prohibida) son tan bo nicho comercial como calquera. Unha vez conquistado o mercado dos bebés (vía pais e grazas ao declive demográfico), agora toca o dos que pasan da idade de xubilarse. E como cada día hai menos pequenos, pronto promocionarán casas non pola proximidade a colexios, senón a xeriátricos. Iso si, a lei de dependencia segue adelgazando; é mellor ser un Rolling Stone para ter unha boa vellez.

A botica

Martes, 22 de Marzo, 2016

ESTES DÍAS deume por pensar que este 2016, no que se cumpren 400 anos da morte do autor, é un bo momento para acometer dunha vez a lectura completa e (por primeira vez) dun tirón do Quijote. Creo que hai poucas obras, agás os dicionarios, das que teña lido tantas partes soltas. E é que a miña relación con el (e sospeito que a de parte da miña xeración) arrincou naquel colexio de EXB no que tiñamos unha actividade de lectura que consistía en ler, marcando co dedo cada liña, as andanzas de Alonso Quijano e Sancho Panza. Na Secundaria (daquela, BUP) tamén apareceu bastante, e desa época é o primeiro Quijote que teño na casa, o daquela mítica edición de letra apertada da colección Austral. Despois chegaron á miña biblioteca outras edicións, entre elas unha moi linda desta casa (e non o digo por facer a pelota), e a voluminosa de Francisco Rico en dous tomos, un deles para as notas e o aparello crítico. De pequeno, para min Cervantes só era o nome dunha rúa de Vigo na que podías comprar pan fresco os domingos de finais dos sesenta. Despois, cheguei vivir noutra Rúa Miguel de Cervantes. O escritor alcalaíno dáballe nome a unha libraría na que fixen bastantes compras: a última, a dunha Biblia, outra obra que lin a cachos. Este outono descubrín que no seu lugar hai unha parafarmacia, que mantén o apelido do escritor. Non sei que pensaría don Miguel desta transmigración dende a cultura á saúde.

O normal

Martes, 15 de Marzo, 2016


MORRE JOSÉ María Mendiluce e unha das primeiras cousas que destaca o informativo de mediodía dunha canle de televisión é que era homosexual. Algún directivo da emisora debeu de considerar iso máis interesante que os seus anos traballando para Acnur en prol dos refuxiados. Resulta significativo que pareza tan relevante a orientación sexual. Nos tempos máis virulentos de ETA, o que se resaltaba tralos atentados, cando había vítimas, era o estado civil: os asasinados deixaban muller (case todos eran homes) e fillos. Se cadra, a noticia de Mendiluce é un xeito de volver a ese tipo de xornalismo pretérito. Iso si, non hai contrapartida: non se di se un morto era heterosexual, por exemplo. Quizais esteamos pasando por un tempo en que, despois de séculos agochándoo, agora se lle quere dar visibilidade á situación, para conseguir a súa necesaria normalización. Aínda recordo a primeira vez que na necrolóxica dun home lemos, sorprendidos, “o seu marido”. Agora, iso non choca. Tamén cambiou a información sobre as causas. Había enfermidades das que non estaba ben visto morrer, nin informar delas. Agora, pola contra, é un dato que case vai no título. O mellor exemplo é o cancro: antes vivía xornalisticamente baixo o eufemismo “unha longa” ou “incurable enfermidade”, e na actualidade case esiximos que se diga de que tipo era ou a que órgano afectaba. A morte non cambia; a información sobre ela, si.

Santos

Martes, 8 de Marzo, 2016

DE PEQUENO, na casa celebrabamos o meu santo o 1 de marzo. Pero un día descubrín que o Santo Anxo da Garda xa non aparecía nos calendarios e no seu lugar viña un monxe moi ligado a Lugo, San Rosendo. O santo cambiárono para o 2 de outubro, día dos Anxos Custodios. Non foi o único santo ‘traspapelado’ nesta actualización filla do Concilio Vaticano II: os da miña aldea, San Martiño e a Virxe da Rocha, mantivéronse, pero o da capital do concello, San Telmo, case desapareceu e mesmo cambiou de nome no proceso (está canonizado como San Pedro González Telmo). Resulta que Deus é sempre igual pero os seus santos cambian. En internet falan de descanonizacións, un concepto imposible: non perdes a santidade, só desapareces dos calendarios oficiais. Pasa tamén con San Cristovo ou Santa Bárbara, considerados polo Vaticano dous santos ‘locais’. O Santo Anxo da Garda ségueno a celebrar o primeiro día de marzo en moitos lugares. Nunha igrexa de Vigo teñen un cartel onde detallan o proceso: primeiro es servo de Deus; despois, venerable, beato e rematas como santo. Como teñas un nome raro, corres o risco de non atoparte nun almanaque normal. Nese caso, deberías celebralo o 1 de novembro, oficialmente día de todos os santos. Pero quizais pola crecente secularizacion da sociedade, porque é festivo ou como desquite polos santos que non atopamos, agora o normal é celebrar ese día outra cousa, que a Igrexa honra o día 2: os defuntos. É dicir, honramos a morte cando deberiamos celebrar o nome que recibimos ao nacer.

Esperando

Martes, 1 de Marzo, 2016

NO DESESPERANTE tempo que paso ultimamente nas salas de espera do hospital, téñome afeccionado a unha revista na que escriben dous colaboradores desta casa, Lorenzo e, sobre todo, Tallón. A publicación contén textos amplos, de aparencia sisuda, aínda que no fondo son bastante friquis: recordo ter lido un impagable informe sobre por que a República Galáctica (si, a da Princesa Leia) estaba chamada a fracasar: era denso e, a un tempo, divertido. É unha publicación lixeira, ideal para sitios como estes, nos que non te concentras tanto na lectura como na túa vez e no que sempre hai un balbordo de fondo. Outros prefiren a socorrida prensa do corazón ou as clásicas revistas de pasatempos; ás veces penso que as salas de espera, sexan sanitarias ou estéticas (salóns de peiteado), son a verdadeira razón de ser destas publicacións. Máis complicado é o xornal de papel, e iso que podería pensarse que é o produto ideal, dado o seu carácter tan perecedoiro. Non é doado: ocupa moito sitio ao abrilo, tes que estender os brazos e non queda ben cabrearse co que les… ou co veciño que intenta poñerse ao día por riba do teu ombreiro. A competencia agora para todo este mundo de papel son os móbiles, e en especial os xogos, aínda que neste último caso preséntanse dous problemas: o gasto de batería e a musiquiña repetitiva do xogo, que pode incomodar aos veciños. Hai quen se atreve con libros, como aquel home ao que vin no hospital de día cun ben gordo (o Quijote? Un tocho ruso?)… pero quedou durmido. E é que non todo vale para estes sitios.

O noso

Martes, 23 de Febreiro, 2016

CANDO EN 1980 publicou ‘Il nome della rosa’, Umberto Eco xa levaba case vinte anos escribindo libros. Os obituarios destes días destacan en especial ese tratado de semiótica oculto detrás dun ‘thriller’ histórico e deixan de lado toda a produción anterior. Porén, naqueles anos 80, para os xornalistas en exercicio e os que aspirabamos a selo, Eco era sobre todo un reputado semiólogo, autor de títulos tan sobranceiros como ‘Obra abierta’ ou, sobre todo, ‘Apocalípticos e integrados’, unha obra de 16 anos antes coa que pariu todo un vocabulario que aínda segue en uso cando se estuda a cultura de masas. Pero a partir da publicación da peripecia de Guillermo de Baskerville, para algúns xa non existiu máis Eco que o novelista. Para os que coñeciamos (e estudáramos) o semiólogo, foi como a deturpación de algo que considerabamos noso. É algo do máis habitual: ti tes unha imaxe de algo e outro presenta outra diferente. Vese mesmo nas noticias: ti pensas nunha Galicia normal e os informativos de fóra preséntana como se fose un exótico reduto indio. Ti ves un Pardo de Cela feudal e outros ven un demócrata. Este cambio de perspectivas, cuxa asunción é parte do crecemento persoal (medrar consiste, basicamente, en aprender a respectar ao outro e as súas ideas diferentes), témola todos os días e nos contextos máis variados. Por exemplo, hai quen pensa que os Gemeliers son uns rapaces simpáticos e hai galegos que dende o mércores coidan o contrario. Ás veces, as imaxes preconcibidas que temos cambian soas.

O sal

Martes, 16 de Febreiro, 2016

CADA VEZ que abro unha lata ou un prato precociñado, acórdome de Alfonso Castro Beiras, o cardiólogo que morreu hai uns días. Cando o entrevistei, haberá máis de dez anos, pregunteille se, ademais do tabaco (un gran problema daquela e hoxe), había algo que o preocupara moito como cardiólogo. E contestoume que o sal. Dicía que os produtos preparados que se vendían en España tiñan un alto contido en sal e que ninguén se preocupaba diso, cando é un elemento que inflúe na hipertensión. Ao pouco tempo, do ministerio encargáronlle a el e a outros cardiólogos de España un estudo sobre o tema. De aí vén que eu mire non só o contido en calorías, graxas ou hidratos, senón tamén en sal. Aínda que a lei obriga a incluír información nutricional en todo produto alimenticio que se vende en España, non sempre é doado miralo, e moito menos comparalo. Hai quen o agocha moi ben (letra tamaño gnomo) e quen te engana publicitando a composición por unidade (“só 46 calorías!”) e non por cen gramos (479 quilocalorías). Un pensa que a cousa foi mellorando en canto á información sobre nutrientes e ingredientes que conteñen os produtos preparados, pero… Hai anos, Guillermo, o informático, mostroume un doce de chocolate (destes que temos comido mil veces de nenos e que ás veces veñen con cromos) que non tiña cacao. E hai uns días atopei un té (iso dicía a etiqueta) que non levaba té. Sabemos todo o que estamos comendo?