Posts etiquetados ‘xornalismo’

Actualidade

Martes, 29 de Marzo, 2011

HAI UNS días, varios xornais asustáronme, porque sacaban como foto do día, algúns en primeira, unha imaxe que eu xuraría que xa vira: era a apocalíptica instantánea do lanzamento dun mísil dende un barco estadounidense. Despois decateime de que un Tomahawk sempre se lanza igual, ou sexa, que a foto do fume sempre será igual. Pero a inquietude seguiu días despois, cando en El País volvín ler a un columnista habitual falando sobre unha nova máquina de afeitar, que apura moito e case parece de depilar, un tema do que eu xuraría que ese xornalista xa escribiu hai anos. E leo tamén que Estados Unidos está a atacar a Gadafi, e descubro que a sección na que o contan é na de ‘Hai 25 anos’. E unhas páxinas despois atopo unha información sobre un apaixonante e exitoso concerto de Pink Floyd, un grupo de moda… cando eu ía ao instituto. E máis adiante encontro que volve a estar de actualidade Elizabeth Taylor, actriz que a miña nai admiraba cando eu era un cativo… E nas páxinas provinciais escriben sobre os xeriátricos da Fonsagrada e Baleira. Así que, abraiado por tanta noticia antiga, decido procurar algo máis actual na sección de Galicia. E alí atopo… fotos de Franco e do pazo de Meirás. Nese momento decidín tirar co calendario.

Universal

Martes, 29 de Decembro, 2009

DE TODAS as noticias recentes, preocúpame moito unha: a condena a dous colegas da Ser por divulgar na web da cadea o nome de 78 afiliados irregulares do PP nun concello de Madrid. Preocúpame a nivel persoal, porque coñezo a un dos condenados, Rodolfo Irago; a nivel local, porque el é de Vigo e o outro xornalista, Daniel Anido, fillo de lugueses, e a nivel profesional, polo que afecta ao gremio e polos contidos da sentenza. O xuíz recoñece que a irregularidade é de interese público, pero aclara que non se pode invocar a liberdade de expresión porque esta só vale para os medios informativos clásicos, e internet, asegura, non é un medio de comunicación social, senón “universal”. Como responsable da web de El Progreso, non paro de darlle voltas a isto último. O xuíz pon en cuestión o traballo de todos aqueles que empezamos nos medios tradicionais e agora intentamos facer xornalismo dixital. Segundo o xuíz, resulta que non existe tal cousa. E non sei se pasar do SMS de solidariedade con Rodolfo a crear un grupo de apoio en Facebook: igual iso si é social, porque é incrible a capacidade de mobilización que teñen as redes sociais. A ver se vai resultar que o xornalismo non é contar noticias, senón o que estou facendo cada minuto.

Crise

Sábado, 14 de Febreiro, 2009

Un le o xornal e queda moi moi asustado: Ingemarga avisa de que non pode pagar, unha empresa da Terra Chá anuncia unha regulación de emprego (ERE, a palabra de moda), medran un 189 por cento as suspensións de pagos en Galicia e Emilio Botín afirma que non é posible dar máis crédito. Vai haber que ir pensando en crear unha sección chamada Crise e eliminar, por exemplo, a de Economía. Outros xa a teñen.

 

O retorno

Luns, 2 de Febreiro, 2009

Cacharro, na rolda de prensa (Foto: Pepe Álvez)

Foi como nos vellos tempos, aínda que desta volta non había mesa, senón simples cadeiras (o mobiliario do flamante Centro de Prensa de Lugo vai amodo), pero alí estaba el, en martes, non en venres, disposto a darnos unha rolda de prensa. E como nos vellos tempos, a sala encheuse de xornalistas de tódolos medios e formatos. Cacharro Pardo volvía a dar unha rolda de prensa, despois de dezaoito meses xustos (a derradeira como presidente da Deputación foi a comezos de xullo de 2007), e a expectación era a mesma. E o desenvolvemento foi o mesmo: el falou dun tema, deulle varias voltas e, ao rematar, os xornalistas entrámoslle con outro, relativo á actualidade política, e el entrou… e deunos un titular fascinante. De feito, tódalas axencias enfocárono por aí, por esas declaracións súas sobre a suposta “falta de liderado” no PP. Foi Pepe Seijo, da SER e Efe, o que preguntou sobre as expectativas electorais que el cre que ten o PP, e eu (ás veces o amarillismo pode comigo) fun o que o incitou a precisar: “Cando di falta de liderado, refírese a Madrid ou a Santiago?”. E el respondeu: “En todos os sitios”. Xenio e figura. Por iso, ao rematar de todo, algún preguntoulle, xa que agora hai un centro de prensa en Lugo, se non ten gañas de volver a dar as roldas de prensa semanais de antes. “Pero non as segue habendo agora?”, respondeu sorrindo. Si, pero non son o mesmo. Ás veces, mesmo se poden despachar nun breve.

E con isto de falar dun tema e saír con outro, a maioría dos lectores quedaron sen saber do tema orixinal da rolda da prensa. Cacharro contestou ás aseveracións de Antonio Gato sobre as obras que a actual Deputación tivo que asumir ao perder subvencións porque na era cacharrista non se expropiaron os terreos a tempo. O ex presidente insinuou que gran parte de culpa é do actual bipartito provincial, porque estiveron a cambiar capataces e deixaron ao persoal “desorientado”. “Aos traballadores non os impulsan e empezan a cambialos de sitio”, dixo. Deste tema xa falara moito o PP o ano pasado, dando pé a un longo enfrontamento dialéctico entre González Barcia e Manuel Martínez, pero volveuno a sacar Gato estes días.

Soraya

Domingo, 18 de Xaneiro, 2009

Soraya Sáenz de SantamaríaO venres vimos na primeira de El Mundo o anuncio da sorprendente e íntima reportaxe deste domingo con Soraya Sáenz de Santamaría, a voceira parlamentaria do PP. Este sábado, Pilar Cernuda contaba que o director do xornal descualificaba á política popular por se prestar a esta reportaxe (!!!!). Pero recordo que cando vimos a foto creo que todos os xornalistas pensamos o mesmo: que boa idea esta de sacar aos políticos na intimidade. É un xeito de desmitificar a estas persoas que son tan normais como as demais.

Pregúntome que político de Lugo se prestaría a saír como Sáenz de Santamaría. En El Progreso fixéramos, hai anos, algo semellante cunha serie de entrevistas de Antón Grande con famosos de Lugo nos recunchos favoritos das súas casas. E non hai moito sacáramos unha tremenda reportaxe con Lara Méndez na súa pobre cociña. Pero non me imaxino unha foto de López Orozco en batín, outra de García Díez cepillando os dentes ou outra de Xosé Anxo Lage remedando a Fred Astaire. A este último si que o temos sacado cociñando e os últimos que publicamos en posturas informais foron varios políticos lendo. A máis atípica era Raquel Arias, que estaba con El guardián en el centeno cos pés enriba do sofá.

 

Potenzia

Domingo, 26 de Outubro, 2008

Vanme perdoar, porque vou desbarrar e ser un pouco cruel. A min isto de Rodríguez Zapatero (neste caso valería poñer ”España”) mendigando a presenza do Goberno español no cumio económico de Washington recórdame o título dun antigo programa da TVG, Somos unha potenzia (con z), que conducía Carlos Blanco. O presentador tiña simpatías nacionalistas, e dunha consellería nacionalista, da Vicepresidencia nada menos, saíu meses despois unha campaña de nome parecido, Somos potencia (con c).

Eu xa escribín aquí sobre ese programa, en concreto, sobre a atípica intervención de Xosé Blanco, que algún definiu como “un mitin”. A Blanco, deputado por Lugo e vicesecretario xeral do PSOE, téñeno moi crucificado en certos ambientes. Estes días estano a machacar cun suposto desprezo ao Real Madrid, que a algún colega do universo dixital lévalle a sorprenderse de que en El cuaderno de Pepe Blanco só entraran dous comentarios críticos.

Cen anos

Sábado, 5 de Xullo, 2008

Este venres inaugurouse na Praza Maior de Lugo a exposición itinerante feita co gallo dos cen anos da saída do primeiro número de A Nosa Terra (cen anos que non foron ininterrompidos). E era moi interesante ver que xente se xuntou alí: Xosé Antón Bao, Xoán Xosé Molina, Rodríguez Pazos, Abraira (Paz), Chorén… e algún bloqueiro máis. Lóxico: trátase dun semanario do ámbito nacionalista. Máis sorprendente era ver que tamén andaba por alí Xosé Manuel Barreiro, acompañado de xente da intendencia do PP. Terá isto que ver con aquilo do flirteo que se traen entre nacionalistas e populares, para intranquilizar ao PSOE?

Exposición 'A nosa terra'

Nun instante dado, cando empezaron a mirar as portadas (como recolle esta foto que manda Camilo), pararon na do 5 de decembro de 1918, que recolle íntegro o manifesto da histórica Asemblea Nazonalista de Lugo, a do hotel Méndez Núñez. E alí Bao espetoulle a Barreiro: “Mira, xa daquela pediamos o ‘acabamento das deputacións provinciais” (apartado terceiro do capítulo terceiro, o dos problemas políticos). E o político do PP, áxil e igual de retranqueiro, respondeu: “Ah, pero entón tamén estamos nós, cando pedimos o ‘reconocimento da persoalidade xurídica das parroquias” (apartado segundo do capítulo segundo, o dos problemas constituíntes).

Cando rematou o acto oficial, apareceu unha muller botando en falta o son dunha gaita. “Nun acto así, por tanto polo que loitamos, tiña que haber unha gaitiña”, dixo a muller.

Por certo, para que vexan o que cambian os tempos, o primeiro número do veterano colega, o do 4 de agosto de 1907, tiña a portada en castelán. E no titular dun dos artigos desa primeira páxina aparecía Lugo.

Mellor as mulleres

Luns, 30 de Xuño, 2008

Logo do Colexio XornalistasO Colexio de Xornalistas vén de elixir os seus novos delegados territoriais en Lugo. Como xa pasan dos cen afiliados, por primeira vez van ser dous. E serán dúas mulleres, Luisa Rodríguez e Lourdes Abuide, da Deputación e Onda Cero, respectivamente. É curioso comprobar a preeminencia feminina na delegación territorial de Lugo: todos os delegados elixidos dende a creación do colexio foron mulleres. E xa van tres eleccións. Esta é unha profesión moi feminizada, aínda que os que mandan sexan homes.

A revolución

Sábado, 28 de Xuño, 2008

Lexionarios despois do Arde Lucus (Foto: Xesús Ponte)

O destes lexionarios tirados sobre a herba, descansando da malleira que para eles foron tres días seguidos de Arde Lucus, é un bo exemplo da capacidade de mobilización de certos acontecementos. O domingo pasado foi a nosa foto de primeira plana ata as once e media da noite. A esa hora, un tal Casillas e un tal Cesc fixeron voar ao lexionario. Ai que ver o que pode o fútbol.

Entrevistas

Xoves, 12 de Xuño, 2008

A pasada fin de semana estivo chea, polo menos nas miñas lecturas, de entrevistas políticas luguesas: Gómez Besteiro, Barreiro, Fraga. Os dous últimos falaban en medios que non lles son afíns e algún mesmo é combativo con eles e as súas ideas.

O anterior presidente da Xunta, como xa contou Antonio Riva nos seus Susurros, demostrou unha curiosa afinidade con outro lugués, Xosé Blanco: aos dous gústalles máis Obama que McCain. A Fraga gústalle porque o candidato demócrata é “de centro reformista, coma min”. Na entrevista, que debe de ser unha das primeiras en El País que non lle fai María Antonia Iglesias (aquilo non eran entrevistas, senón batallas campais), a Fraga acurrálano falando de temas como a pena de morte. E a Don Manuel sáelle “o seu pronto” (sic). Sen embargo, é unha cousa entrañable: ao ex presidente xa se lle ve en plan avó, contando cousas do pasado. Moi boa a anécdota de que na foto de Palomares estivo a piques de saír cunhas rapazas moi xeitosas.

O anterior vicepresidente segundo da Xunta, Xosé Manuel Barreiro, non só é entrevistado en A Nosa Terra senón que o semanario nacionalista mesmo leva a conversa á portada. Deberon de ficar abraiados os populares de toda Galicia. E o titular é impresionante: “O PP galego está hoxe unido e preséntase como un dos máis dialogantes. Pode ser o modelo para Rajoy”. O curioso é que, por máis voltas que dou, non atopo esa frase na entrevista. Así que entendo que é unha interpretación do periódico… Será unha mensaxe oculta cara ao PSOE? Un aviso por se algún día o BNG e o PP teñen que pactar? Deste tema fala Barreiro, quen di que, na zona rural, os votantes destes dous máis partidos están máis próximos que os do PSOE e o Bloque.

E da de Gómez Besteiro, o mellor foi iso de que el non se considera “político emerxente” no PSOE galego. Algunha vez téñolle feito chistes sobre iso e el insiste en desbotalos. Non sei se é que non quere oír falar do tema ou se é aquilo de que non o vexan demasiado, non vaia ser que sexa contraproducente.

Moi instrutivo todo.