Posts etiquetados ‘violencia de xénero’

Xénero

Martes, 9 de Decembro, 2008

Aos que cremos que calquera mal uso da linguaxe debe de ser castigado con pena de prisión, iso de aplicar o concepto gramatical xénero á violencia contra o muller sempre nos soou raro. Hai uns meses, nun cursiño que tivemos por aquí, aclararon que violencia de xénero é un concepto legal que se refire exclusivamente á violencia que é cometida contra unha muller por parte dun home, sobre todo se este ten ou tivo unha relación con ela. É dicir, se é ela quen lle zosca a el, non é violencia de xénero; e se un pai lle pega a unha filla, tampouco: o correcto nestes dous últimos exemplos sería violencia familiar, maltrato ou, se cadra, violencia machista (quen dixo que o machismo é exclusivamente masculino?).

Acordeime disto este mércores, revisando as enquisas de Elprogreso.es. Ata hoxe había unha sobre a violencia de xénero. E ten uns resultados interesantes ( salvando as distancias, que xa sabemos que ningunha enquisa é fiable, e menos as de internet). A maioría dos votantes dixeron que non coñecían casos de maltrato. O oito por cento dos que responderon dixeron que si coñeceron algún caso e que o denunciaron. Pero hai un inquietante vinte por cento de persoas que aseguraron que tiveron coñecemento de casos de violencia de xénero pero que non os denunciaron. É preocupante.

A discoteca VIB

Sábado, 29 de Novembro, 2008

Carteis contra a violencia de xénero

Ando abraiado cos carteis eses contra a violencia de xénero que colocou hai uns días por toda Galicia a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar (VIB), si, eses nos que saen Yolanda Castaño, María Castro, Jorge Mira e Xosé Manuel Piñeiro. Chámame moito a atención os lugares escollidos para colocalos: calquera parede ou escaparate dun local pechado. Téñoos visto tamén en bares e mesmo na columna de entrada a unha casa. Tamén os carteis dos centros Quérote tiveron (teñen) ese tipo de emprazamentos. Mesmo parecen os anuncios dalgunha discoteca ou festa de pobo!