Posts etiquetados ‘Vázquez Portomeñe’

Faltaba o cesamento

Mércores, 18 de Marzo, 2009

José Vázquez Portomeñe

Especulaba onte con que o nomeamento de José Vázquez Portomeñe como subdelegado do Goberno en Lugo igual tiña que agardar ata o relevo na Xunta, pero o propio Executivo galego xa nos anticipou este mércores de forma indirecta, no Consello da Xunta adiantado desta semana, que o nomeamento non vai agardar tanto. Ao mesmo tempo, confirmounos a todos que este home que tivo cargos co PP e co PSOE (e ao que seguramente verei no funeral polo seu gran amigo José Alonso) vai ser o subdelegado. O que faltaba, claro está, era o cesamento na Secretaría Xeral de Traballo. 

Ausencias

Xoves, 11 de Decembro, 2008

Homenaxe a Vázquez Portomeñe en Chantada

Hai uns días déronlle unha homenaxe en Chantada a Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, ex conselleiro e ex senador do PP. Foi curiosa a lista de presentes, tanto como a de ausentes. Aínda que en tempos foi todo un persoeiro dentro das ringleiras populares, foi escasa a presenza do seu partido: o alcalde de Taboada, o de Lalín un ex rexedor de Melide e tamén ex senador e algún máis. Faltaba, sen embargo, o alcalde do concello en que naceu, o popular Julio Manuel Yebra-Pimentel, quen tamén foi senador durante un tempo. Para completar o panorama, Vázquez Portomeñe sentou na mesa presidencial rodeado de socialistas: o alcalde de Chantada, o secretario xeral técnico da Consellería de Traballo (que non teño claro que parentesco ten con el), o delegado provincial desta consellería e o único senador en activo presente, Luis Anxo Lago Lage. Foi este quen lle entregou a insignia conmemorativa do acto, mentres que o alcalde, Manuel Anxo Taboada, ocupouse de darlle a placa do premio que recibiu, como testemuña esta foto que tomo prestada do mestre Villarabid.