Posts etiquetados ‘urbanismo’

Apéndice dominical

Luns, 25 de Xaneiro, 2010

Vou crear unha etiqueta para os posts que, como este, son continuación, addenda ou apéndice da crónica semanal. Contaba no Septenario do día 10 que no proxecto urbanístico para As Saamasas, unha zona situada a carón do Miño en Lugo (onde están Carrefour, Os Robles e un restaurante cubano ao que hai tempo que non vou), hai o había algún condicionante político. O que pasa é que un significado político do PP de Lugo é propietario dalgún dos terreos que se queren urbanizar para facer un grupo de casas unifamiliares. O proxecto é antigo, tanto, que ata deu tempo a modificalo. Primeiro tropezou coa lentitude da burocracia municipal; despois, co desdén dalgún concelleiro de Urbanismo; seguidamente, cun informe negativo da Xunta bipartita. E agora a cousa está parada, e xa non sei se a pelota está no tellado do Concello ou da Administración autonómica.

A presenza dese persoeiro do PP no proxecto fai pensar a algúns que hai algunha movida política polo medio: vamos, que non lle dan luz verde porque está el polo medio. O certo é que hai dous ou tres anos a obra estaba a piques de comezar: pechou o cámping, púxose alí un cartel da promotora e abriuse unha lista de espera que, aínda que os chalés eran caros (a zona é realmente impresionante), pasaba das duascentas persoas. Dende entón, nada máis se soubo.