Posts etiquetados ‘televisión’

A perda das tradicións

Martes, 3 de Xaneiro, 2012

HAI COUSAS que se fan habituais nas nosas vidas e ás que non lles damos importancia ata que desaparecen. Por exemplo, os meus primeiros de ano incluíron durante algún tempo o típico chocolate matutino (a esas horas en que un xa non ten estómago para nada). Despois, a tradición foi a reconfortante sopa da primeira comida do ano, e agora, o costume é o concerto de Aninovo de Viena. O ano pasado instaurei unha nova tradición, que é a de velo pola tele pero oílo polo equipo de música, co que gañei en calidade de son, sobre todo unha vez que me aclarei entre os mandos. Pero este ano faltáronme cousas; por exemplo, os saltos de esquí nesa localidade de nome tan sonoro, Garmisch-Partenkirchen. Deixounos de emitir Televisión Española, co cal perdimos unha ocasión máis de mirar cara a Alemaña, como é a moda. O meu recordo, que se remonta a cando era un cativo que nin ía ao instituto, é o de ver a uns tipos saltando dende un trampolín, un deporte que me pareceu tan variado como un folio pero que ás veces era o único xeito de ver neve nestas datas. Tampouco lle prestaba gran atención, pero durante o primeiro xantar do 2012 fíxoseme raro non ter os saltos de fondo na tele (mesmo sen voz). Foi como se me faltara algo, como se Bea Hervella ou María Souto non fosen presentar máis o tempo na Galega, como se Nucha e Mucha se separaran: cousas que só se lle ocorren a unha mente febril… ou non?

(Na foto, divulgada no seu día pola Xunta, Nucha e Mucha aparecen o 5 de abril de 2009 na Feira do Viño de Sober con Alberto Núñez Feijóo, nun dos primeiros actos oficiais deste último como presidente galego.)

Cismando

Martes, 13 de Setembro, 2011

NA TVG anuncian que ‘Cifras e letras’ cambia de experta en palabras: a mediática Yolanda Castaño dá paso, despois dun milleiro e pico de programas, a unha escritora da Costa da Morte que non coñezo: María Canosa. Botaremos en falta esa química tan especial que Castaño tiña con Jorge Mira, unha tensión sexual que eles (sobre todo el) coidaban e que nunca resolvían. Supoño que despois do relevo, que veremos o vindeiro luns, haberá grandes debates sobre se é mellor Castaño ou Canosa. Aquí xa sabemos que nos gustan as discusións bi-polares: Celta ou Dépor (Vigo ou A Coruña), centro ou costa de Lugo, Madrid ou Barça, José ou Pep, Rafa ou Roger, diésel ou gasolina, mar ou montaña, apartamento na praia ou casa da aldea, e-book ou libro de papel, Facebook ou Twitter, Apple ou Microsoft… branco ou negro. Semella que ao ser humano cústalle avanzar se non ten sempre dúas opcións entre as que elixir, e a escolla dunha supón a exclusión da outra. Porén, a actual sociedade dixital consagra a multitarefa, o cal debería de ser un xeito de rematar con estes cismas domésticos. Gústame un dos significados do verbo ‘cismar’ en galego, o de pensar obsesivamente: ás veces hai que facelo para poder optar entre unha cousa e a contraposta. O certo é que xa de pequenos nos presdestinan a estas eleccións, e non é só o de teta/biberón, senón esa pregunta que sempre odiei: a quen queres máis, a mamá ou a papá?

Documentais

Martes, 21 de Xuño, 2011

Luján ArgüellesESTOUME  enganchando a ‘Tienes un minuto’, programa que emite Cuatro. Confeso que o vexo coa boca aberta e xa non sei se me divirte máis este ou o programa precedente, supostamente de humor. A cousa vai de catro rapazas, que pasan toda a semana no programa, mentres diante delas desfilan uns 20 homes (todos os días os mesmos, menos dous que cambian), que teñen un minuto para intentar conquistalas. A idea de limitar o tempo de cortexo é interesante; o divertido é ver o que fan eles por seducilas ou, mellor dito, por conseguir unha desas citas fóra do estudio, diante da cámara e de menos de dez minutos. Nos seus 60 segundos, eles, normalmente xente menor de 30 anos, fan maxia, contan chistes, comen flans, véndense como poden e, moitos, bailan ou perpetran algo parecido a un baile. É curioso ver o que imaxina un rapaz que hai que facer para interesar a unha muller. Ás veces funciona, e mesmo hai namoramentos exprés.  Entendo que os conquistadores exhiben o mellor que teñen (e eu dígome que moito cambiou o xeito de ligar). Con ese nivel, explícase que chegue a haber liortas sexistas entre os dous bandos ou que teñas que oír cousas como “para ser loura, es moi intelixente”. Ou sexa, que podes enlazar os documentais de La 2 con isto para pasar toda a tarde vendo as marabillas do comportamento da fauna ibérica.

(NOTA DIXITAL: que conste que outra cousa que me atrae de ‘Tienes un minuto’ é o labor da presentadora, Luján Argüelles, unha muller que exhibe unhas táboas impresionantes en cada programa ou, máis ben, experimento que lle toca conducir.)

A tele

Martes, 3 de Maio, 2011

ESTES DÍAS, un dos televisores da Redacción está ‘rebelde’: non se poden ver algunhas emisoras ata que pasa un ratiño ben largo. Mentres, a pantalla permanece a escuras. O sucedido recórdame a aqueles primeiros televisores que entraron nas casas dos españois nos sesenta ou setenta, que había que agardar a que queceran para poder ver algo. O primeiro que houbo na familia, a comezos dos setenta, tardaba uns vinte segundos en deixarse ver. Ese “deixa que queza” era unha das frases típicas de aqueles primeiros tempos. Por aquela época, a tele estaba arrodeada de lendas: recordo que o primeiro que dicían na casa era que era perigoso limpar a tele cun trapo mollado, porque unha coñecida morrera cando o estaba a facer. Anos despois, descubrín que a historia era certa, pero que ma contaran incompleta: a muller esquecérase de apagar o aparato e os cables estaban pelados. Logo estaba o de non ver a tele ás escuras, que era “malo para a vista” (algo preocupante nunha familia, como a miña, chea de catro-ollos). E os berros para que non te pegaras á tele: só faltaba que alguén viñera a medir os tres metros de distancia de rigor. Por suposto, na miña casa non faltaba o trapiño ganchillado enriba da tele, aínda que sen folclórica nin touro, como vin nalgún sitio. Sospeito que os fabricantes destes chismes botarían o peche cando chegaron as actuais pantallas planas. Nisto si que avanzamos, pero noutras cousas, non: daquela, nos derradeiros anos do franquismo, a familia xuntábase para ver o fútbol. Agora, andamos preocupados por se este martes á noite non se ve a volta da Champions.

Todo polo ‘ia’

Martes, 8 de Febreiro, 2011

UNHA NOITE destas cruceime cun deses seudoconcursos que enchen as madrugadas televisivas. Preguntaban por un país cuxo nome rematara en ‘ia’ e eu estaba a piques de zapear para ir a outra canle cando a presentadora berrou: “Non debe de haber moitos!” E eu, que ás veces rozo a ludopatía, sentinme intimamente retado, agarrei un papel e empecei a apuntar nomes de países, mesmo divididos por continentes. Poucos? Deixei a lista cando levaba medio cento, dende Italia a Gambia. Mentres, fun descubrindo algunhas peculiaridades do seudo concurso (que en realidade son dous: o que acertara o nome do país tiña despois, e iso non o advertían, que adiviñar unha combinación de catro letras agochada nun sobre). Falo de peculiaridades como o berrallona que era a presentadora ou os acentos dos concursantes, moitos deles estranxeiros, e algúns pouco avezados no idioma (nin Uruguay nin Guatemala rematan en ‘ia’) , ou a falta de cultura da animadora, que considerou que o que dixo “Zambia” estaba a burlarse dela, igual que o que dixera “Portugalia”. Pero tiña dous bos imáns para atraer aos espectadores; bo, realmente eran tres: un era o premio prometido, que superou os 30.000 euros (e que cando me fun durmir ninguén gañara), e o outro, o seu escote, que a obrigaba a estarse subindo continuamente o vestido. Ao final, o que nos move é sempre o mesmo: cartos (e comida) e sexo.

Saúde galega

Martes, 2 de Novembro, 2010

O disco que fixo aumentar as Vanessas en EspañaHAI UNS meses, Javier Marías mostrou por escrito, nun dos seus artigos dominicais, o seu abraio pola imaxe da muller española que se podía sacar da publicidade televisiva. Segundo eses anuncios, as mulleres, cando non se están a perfumar, teñen hemorroides, perdas de ouriños, gases e outras cousas, ademais da cita mensual coa menstruación; os homes, en cambio, teñen males menos ‘desagradables’. O meu admirado escritor madrileño confesábase asombrado. Por sorte para el, non vive en Galicia, porque ultimamente a televisión pública é unha sucesión de anuncios de produtos médicos, paramédicos ou seudomédicos: desde o produto que combate o colesterol (“filla, a túa nai xa non me quere”) ata os iogures de Manolo Escobar, acompañado agora pola súa filla Vanessa; dende as pílulas para a gorxa ata as compresas para poder dar uns admirables pasos de baile… Non sei se é que as casas comerciais están convencidas de que os galegos estamos enfermísimos ou que somos hipocondríacos. Tamén pode ser que, con isto da Crise, non quede máis remedio que coidar dun. O importante, como diremos todos o 22 e o 23 de decembro (despois de consultar a lista das pedreas), é ter saúde, aínda que non haxa cartos para mercar tanto produto milagreiro e san.