Posts etiquetados ‘teléfonos’

O fixo

Martes, 2 de Febreiro, 2016

UN DOS sinais de modernidade nos meus tempos infantís era o teléfono fixo. Había casas onde colocaban o aparato nun lugar central (na sala, por exemplo), aínda que o máis habitual era preto da entrada. Era símbolo de modernidade e de avance tecnolóxico, porque era unha mellora que non estaba dispoñible en todo o territorio. Na aldea, dependías moito do veciño que o tiña, a quen chamabas para avisalo dalgunha visita ou dalgunha novidade, do tipo «chegamos o venres ás nove», «chamarei ás nove e media» ou cousas así. Eran tempos en que as cousas tiñan menos apuro que agora, que parece que todo ten que ser xa. Recordo cando o servizo automático chegou á miña aldea, creo que a comezos dos oitenta, que todos os teléfonos comezaban (comezan) por 6290. Daquela dependías do que che ofrecía Telefónica, o monopolio. Se non había xeito de darche servizo, tiñas que aguantarte. Agora, pola contra, o teléfono fixo ofrécencho como parte doutra oferta (televisión, móbil, internet…) e, ás veces, case máis como complemento que como eixo da mesma. O fixo que eu tiña na casa xa só servía para recibir chamadas da miña nai e dos do telemárketing. Ela deixou de chamar despois do ictus, así que no último cambio de compañía xa nin me molestei en habilitar o teléfono fixo; é máis, nin sequera sei onde teño apuntado o número. Sei que non son o único caso. Agora a modernidade, neste tempo de móbiles, é non telo.

(Na foto, un grupo de telefonistas en Madrid, nunha imaxe da colección permanente de Telefónica.)

A guía que non guía

Martes, 7 de Maio, 2013

ESTE LUNS deixaron na casa a guía telefónica e pensei que ese listín (así o chamaban) é un perfecto símbolo da evolución social. Antes, dábancha na man, recollían a vella, viña repartida polo menos en dous exemplares (as páxinas brancas e as amarelas), se non máis, como en Madrid, e en tempos mesmo tiña un espazo para que apuntaras os teléfonos que máis usabas. Agora, déixana na caixa de correo (outro elemento chamado a desaparecer dos edificios), pídenche que leves a vella ao contedor de papel e o número de teléfonos diminuíu tanto que páxinas brancas e amarelas xa veñen xuntas, polo menos en Lugo. O espazo para os números usuais desapareceu e agora descobres que non é unha guía de teléfonos, senón de Movistar, o que significa que non aparecen os que non pertencen a esta compañía. Tiña entendido que esta empresa, a vella Telefónica, é a que ten a obriga de garantir o servizo público e, polo tanto, recoller todos os teléfonos nunha guía, pero, á vista do que me chegou este luns e do fracucho que me vén o listín, está claro que tal cousa non se cumpre. Hai uns poucos anos, mesmo aparecía algún móbil; agora, nin iso. Vamos, nin sequera eu veño na guía que nos deixaron a todos os veciños (supoño que só aos que temos aparato fixo). Iso si: as teleoperadoras seguen tendo o meu teléfono, sexa fixo ou móbil, e saben o meu nome (outra cousa é como o pronuncien): está claro que non lles dan a mesma guía.