Posts etiquetados ‘teléfono’

O xogo das voces

Martes, 18 de Decembro, 2012

DESDE QUE cambiei de operadora, teño unha voz nova na casa e agrádame: é de muller de idade intermedia, sen acento e, a verdade, de pouca conversación: limítase a dicir se teño ou non mensaxes. Iso si: agradécese que non tolee cando teño moitos nin chore no caso contrario. Outras veces, a voz que vén polo teléfono é ferinte ou cabreante, como cando te chama alguén que ten serios problemas coa estrutura sintáctica do castelán ou calquera dos idiomas oficiais de España, ou cando ten ecos metálicos, de voz enlatada. Enténdanme: sei que a voz que me di o das chamadas perdidas está pregravada, pero a operadora molestouse en que non soara moito a lata. Algunha vez pensei en escribir algún conto ou así, pero xa hai mil historias (moitas, de Nadal) sobre xente solitaria que chama a un contestador para oír algunha voz, ou que fala co teléfono da esperanza polo mesmo. Tampouco é orixinal o de poñerlle imaxe á xente que oes máis que ves (prometín citar a unha delas, a agradable Mónica, da redacción de Santiago), un xogo que depara sorpresas e ten algún risco; por exemplo, dicirlle a alguén: “Pola voz parecías máis novo”. Claro que máis arriscado é que se popularicen as videochamadas: cando collas o teléfono terás que estar presentable (non poderás mentir cando te esperten) e, sobre todo, facendo cousas que non che importe que vexan outros. Por agora, aínda estamos a salvo.

Auga de Lugo

Mércores, 3 de Febreiro, 2010

Hai uns días, o Concello de Lugo avisou dunha posible fraude, cometida presuntamente por unha empresa que está a chamar ás casas para ofrecer unha potabilizadora doméstica de auga. A movida xurdiu porque o alcalde foi unha das persoas á que chamaron. Imaxínome a conversa, con López Orozco cos ollos como pratos e bramando polo teléfono: “Oia, está vostede insinuando que a auga de Lugo non é potable?”

Eu tamén recibín unha desas chamadas e, a verdade, foi unha conversa moi divertida. Ao final, deixeime convencer pola rapaza que me chamou para que viñeran a casa a probar a potabilizadora, pero cando lle dixen os nosos horarios (“váleche a partir das doce da noite?”, propuxen) desistiu. O máis divertido foi verme a min defendendo a auga de Lugo e recordando que a cousa mellorara moito dende aquela vez que unha noiva se bañou na miña casa en auga verde. Cando falei da nova potabilizadora, a rapaza dixo que aínda non está funcionando. E cando lle recordei que os niveis de merda que leva o que sae polas billas de Lugo son aceptables (segundo a OCU), díxome que sempre queda algún residuo raro que se vai pousando ano tras ano e que, por acumulación, pode ter consecuencias na saúde propia (“despois duns séculos”, estiven por responderlle).

Non se atreveu a dicirme que a auga non era potable, pero pouco lle faltou. E a min faltoume tamén dicirlle que empezarei a preocuparme cando deixe de fumar, que así si que me estou metendo merda para o corpo.