Posts etiquetados ‘Subdelegación do Goberno’

Faltaba o cesamento

Mércores, 18 de Marzo, 2009

José Vázquez Portomeñe

Especulaba onte con que o nomeamento de José Vázquez Portomeñe como subdelegado do Goberno en Lugo igual tiña que agardar ata o relevo na Xunta, pero o propio Executivo galego xa nos anticipou este mércores de forma indirecta, no Consello da Xunta adiantado desta semana, que o nomeamento non vai agardar tanto. Ao mesmo tempo, confirmounos a todos que este home que tivo cargos co PP e co PSOE (e ao que seguramente verei no funeral polo seu gran amigo José Alonso) vai ser o subdelegado. O que faltaba, claro está, era o cesamento na Secretaría Xeral de Traballo. 

Había máis nomes

Martes, 17 de Marzo, 2009

Dicíase que o Consello de Ministros do venres pasado ía nomear a José Vázquez Portomeñe como subdelegado do Goberno en Lugo, pero finalmente non houbo nada, ou polo menos non figura na reseña oficial deste segundo venres 13 do ano: haberá que mirar no BOE. De tódolos xeitos, de ser certo que ese vai ser o substituto de Xesús Otero Calvo, é posible que o nomeamento aínda tarde algunha semana máis: pode que ata Semana Santa. Vázquez Portomeñe é o segundo da Consellería de Traballo, unha das que vai manter Núñez Feijóo, e seguramente será un personaxe importante na transmisión de poderes. Así que, se cadra, igual hai que seguir agardando.

Ademais de Vázquez Portomeñe, en Lugo baralláronse outros nomes para o posto. A única condición a cumprir é que teñen que ser funcionarios do grupo A. Non hai moitos dentro do PSOE lugués: entre outros, os profesores Daniel Núñez Segade e Luis Álvarez e o veterinario Eduardo Baamonde, actualmente delegados provinciais de Política Territorial, Educación e Medio Ambiente, respectivamente… Tamén saíu o nome de Francisco Silvosa, aínda que no partido non apostaban por el. E tamén se falaba de mulleres, como unha tal Chus Navarro e, sobre todo, Concepción Burgo, catedrática de Universidad.

Coa designación da actual primeira tenente de alcalde de Lugo, deputada electa no novo Parlamento galego, matábanse varios paxaros dun tiro: por un lado, retirábase do Hórreo a unha parlamentaria pouco activa, porque as ocupacións de Burgo no Concello de Lugo impídenlle implicarse máis, e iso non interesa cando ao PSOE se lle aveciña unha etapa de intenso traballo dende a oposición. O segundo paxaro a matar era Miguel Ángel Fernández, que agora vai ter que volver ao hospital Xeral baixo unha dirección na que pode que estean algúns dos seus rivais cando era el o xerente deste centro hospitalario. A retirada de Burgo permitiría correr a lista do Parlamento galego e darlle entrada na Cámara a este deputado de Sarria, que tampouco interesa manter na súa vila por se lle fai sombra ao actual alcalde. No lugar de Burgo, entraría no grupo municipal do PSOE en Lugo Nuria Mundiña, licenciada en Dirección de Empresas que traballa para La Caixa en Sada, aínda que é de Lugo.

Pero, claro, Vázquez Portomeñe ten detrás un bo padriño, Ricardo Varela, número dous do PSOE galego, e iso son palabras maiores.