Posts etiquetados ‘San Froilán’

Propiedade intelectual

Luns, 13 de Outubro, 2008

Fernando Blanco e os <i>manteiros</i> (Foto: Xesús Ponte)

Curiosa esta imaxe do conselleiro de Industria (acompañado do vicepresidente da Xunta e de concelleiros do BNG en Lugo) pasando cabo de alguén que atenta contra a propiedade intelectual e, polos bolsos que se ven detrás, tamén contra a propiedade industrial. Que cousas pasan no San Froilán!

O San Froilán do BNG

Mércores, 3 de Setembro, 2008

O BNG vai celebrar o San Froilán cunha Asemblea Nacional, o propio día 5 de outubro en Santiago, para elixir o sucesor de Anxo Quintana como candidato á presidencia da Xunta, que está claro que vai ser o propio Quintana. Pregúntome se haberá un alto nivel de absentismo entre a representación luguesa. Quen máis quen menos terá convidados na casa, fixo.

Antes, os bloqueiros de Lugo terán que manter dúas xuntanzas: a primeira, a semana que vén, cando teñan que debatir o regulamento do congreso. A segunda será entre o 25 e o 27, cando haxa que elixir os delegados por comarcas. Será unha desas xuntanzas ás que os medios teremos que mandar fotógrafos obrigatoriamente, porque a Asemblea Nacional do día 5 será a primeira que se fai con delegados. Haberá preto de 200 en representación de toda a provincia. Dinme que toca un delegado por cada dez militantes, ou sexa, que o BNG tería uns 2.000 afiliados en todo Lugo. Non está mal —á vista do pouco participativos que son os lugueses—, para un partido con 101 concelleiros.

Agora queda por saber cando toca a visita sanfroilaneira de Quintana. Barreiro xa confirmou a de Rajoy, aínda que non sabemos a data. E en canto a Zapatero, un colega aposta a que desta volta tampouco toca.

Xa sei que estou espeso: que lle queren? Que curtas resultan sempre as vacacións!!!